O xulgado do Social de Santiago impón
á empresa pública unha sanción de 10.478,66€.
No ano 2016 a empresa pública Correos
impuxo a unha carteira de Boiro unha sanción de 6 meses de emprego e
soldo. Dous anos despois o Xulgado do Social nº 3 de Santiago de
Compostela declarou a nulidade da sanción disciplinaria imposta e
condenou a Correos a abonar os salarios deixados de percibir durante
ese período na contía de 10.478,66€.
O xulgado admitiu todas as alegacións
presentadas pola traballadora que, porén, se negara a admitir a
empresa pública establecendo na sentenza que a carteira fixo
correctamente o seu traballo e que a devolución dunha notificación
seguiu estritamente o estipulado nos procedementos internos de
reparto.
Xunto a isto establece que a empresa
que denunciou que non recibira unha notificación postal da Axencia
Tributaria levaba desde o ano 2014 sen actualizar o seu enderezo
postal nin fiscal, como sería de obrigado cumprimento tal e como se
recolle na lexislación.
Segundo Anxo Álvarez, delegado da CIG
en Correos, isto demostra que a denuncia que no seu día fixeron
Xunta de Persoal, comité de empresa e a propia central sindical,
“isto respondía a unha caza de bruxas froito da presión mediática
derivada da denuncia da empresa que se fixo pública no seu momento”.
Álvarez denuncia que “esta situación
de acoso vivida no seu día pola traballadora continúa na
actualidade como demostra o feito de que non lle concederan todos os
días de vacacións correspondentes ao ano 2018 e que ademais,
recentemente, os seus superiores lle denegaran a quincena de
vacacións no prazo que ela solicitou para o ano 2019”.
Diante desta situación a CIG denuncia
que é “intolerable” que unha empresa pública “trate deste
xeito ao seu persoal, en lugar de asumir a súa responsabilidade por
ter sancionado a esta carteira sen base algunha e sen sequera admitir
as alegacións que lle terían permitido demostrar que non había
causa que xustificara a máis mínima sanción”.
Con todo, para a CIG, “quen tería
que responsabilizarse tanto do trato recibido por esta traballadora
como de abonar as cantidades ditadas polo xulgado deberían ser os
mando intermedios que a denunciaron”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario