O Concello de Betanzos achegoulle aos delegados sindicais a proposta de reparto das axudas sociais do ano 2018 que se someterá a unha Mesa Xeral de Negociación que está pendente de se convocar. Se algún/ha traballador/a quere ter coñecemento previo e aproximado da contía que o Concello propón adxudicarlle pode poñerse en contacto cos/as delegados/as da CIG.
Así mesmo, e con respecto á proposta de reparto do Concello a CIG manifestoulle ao concelleiro de Persoal por correo electrónico e previamente á Mesa o seguinte:
1. A CIG non negociou o regulamento do reparto das axudas vixente (que é do ano 2001) e aínda que discrepe dos criterios que recolle entende que as axudas se tramitaron cos criterios vixentes.
2. A CIG indicoulle que xunto coa solicitude se debería asinar unha declaración xurada conforme non se recibe unha axuda polo mesmo concepto doutra empresa ou Administración, tendo en conta que se asignan para a unidade familiar.
3. A CIG manifestou unha queixa polo incumprimento do acordo do convenio colectivo, que repercute en que a porcentaxe de redución individual das axudas rolde un 10% cando debería roldar o 7%, de se ter cumprido o acordo do Convenio asinado no ano 2015 que indica expresamente o seguinte con respecto á partida orzamentaria do fondo de acción social:
Esta cantidade incrementarase anualmente, conforme á suba prevista na Lei de orzamentos do Estado.
O incumprimento deste acordo parécenos especialmente grave, tal e como vimos manifestando nos últimos anos, e a súa gravidade fica máis patente no momento en que a partida orzamentaria non chega para a totalidade das solicitudes.
4. A CIG indicoulle que o Concello debería comunicarlle aos traballadores e traballadoras a axuda concedida, así como a insuficiencia orzamentaria e a consecuencia desta na redución da contía concedida; igualmente, e no caso das incidencias, debe abrir un prazo de corrección de erros e comunicarlle aos/ás traballadores/as afectados/as o motivo da denegación, para que poidan emendar os erros, se os houber, ou facer as reclamacións que consideren oportunas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario