"O poder ten que entender que non
imos permitir retrocesos nos nosos dereitos cando aínda nos quedan
moitos por conquistar"
Miles de galegas están a secundar a
folga e as preto de 30 mobilizacións convocadas pola CIG ao longo de
toda Galiza neste 8 de Marzo, para reclamar a igualdade de
oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o
dereito a vivir sen violencia. No Día Internacional da Muller
Traballadora, as galegas toman as rúas de novo, reivindicando a
orixe obreira e revolucionaria desta data, "para que dunha vez
por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da
desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir
que nos fagan retroceder nos nosos dereitos cando aínda nos quedan
moitos por conquistar".
Galiza enteira treme: da Mariña ao
Morrazo, da Costa da Morte a Valdeorras, de Ferrolterra a Compostela,
de Lugo a Ourense, do Salnés a Betanzos, da Coruña a Vigo... miles
de mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da
industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil,
do mar, das conserveiras,... saíron hoxe coa CIG á rúa no marco da
xornada de folga laboral; mais tamén o fixeron as xubiladas, as
estudantes, as desempregadas, as mulleres que traballan arreo pero
non teñen unha remuneración "para denunciar a inxustiza que
supón discriminar a máis da metade da sociedade pole mero feito de
sermos mulleres".
Así se pronunciaba a secretaria de
Mulleres da CIG, Margarida Corral, horas antes da saída da
manifestación na Coruña convocada pola central sindical, durante o
transcurso dun dos piquetes informativos que hoxe percorreron as rúas
galegas. Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta que
temos para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial
continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; ao igual
que o chan pegañento ou o teito de cristal, os atrancos na
conciliación ou o acoso e as agresións sexuais ás que someten as
traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas.
Seguimento na sanidade, o ensino e os
centros do Consorcio
En canto ao seguimento da folga, no
conxunto do país, na sanidade pública só están entrando os
servizos mínimos e a folga está a ter unha especial incidencia na
Atención Primaria, malia os "servizos máximos" decretados
pola Xunta.
Nos sectores máis precarizados e
feminizados da Administración, como son os centros dependentes do
Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de
maiores e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito
rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos
impostos polo Goberno galego.
Na administración xeral da Xunta de
Galiza foi desigual en atención aos departamentos, centros e
xefaturas territoriais, cun seguimento de arredor dun 50% de
traballadoras que secundaron a convocatoria de 24 horas na quenda de
mañá na Xunta de Galiza. Desde a CIG-Administración salientan,
porén, que houbo edificios administrativos que mesmo quedaron
baleiros na provincia de Pontevedra, onde a incidencia foi maior.
Desde a federación denuncian que o establecemento dos servizos
mínimos abusivos, que xa foron denunciados pola CIG, dificultou a
moitas traballadoras a súa participación na folga.
O 100% das traballadoras de
ambulancias, que están na terceira semana de folga por un convenio
colectivo digno, tamén se sumaron á convocatoria de folga de
mulleres, reivindicando o seu traballo nun sector profundamente
masculinizado.
Produciuse tamén unha paralizacion
absoluta no ensino secundario e universitario e unha moi alta
participacion na folga das mestras e profesoras, superando o
seguimento do ano pasado. A imaxe de aulas baleiras foi a imaxe desta
xornada nos centros de ensino.
Seguimento en Vigo
A folga está a ter un elevado
seguimento na comarca de Vigo a pesar do intento de moitas empresas
por boicoteala. A limpeza das escolas infantís e do hospital Álvaro
Cunqueiro está a verse afectada a causa do paro de 24 horas, como
tamén o servizo de cociña do centro médico vigués. Ao igual que a
recollida do lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos
parques e xardíns (do que se encarga Althenia).
No sector industrial hai que salientar
a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan,
BorgWarner, Plastic Omnium, Grupo Copo, Asientos de Galicia, Viza,
Alymosa, TRW, Domiberia ou Carchidea. Outras empresas nas que está a
ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira,
Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do
téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark.
Por último, empresas do transporte
como Gefco ou Vitrasa tamén rexistran un importante seguimento, a
pesar de que a concesionaria do servizo de autobuses do Concello de
Vigo non lle comunicou os servizos mínimos ás súas traballadoras.
En cadeas de supermercados como Alcampo
e Froiz tamén está a ter un grande impacto, ao igual que en
empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e
Unísono. No sector de oficinas e seguros tamén están a secundar a
folga moitas traballadoras de compañías como Satec, Experis,
Boycor, Cetmar, Prosegur BPO, AXA, Construdata 21, Lidera, IS2 e
Ader.
Seguimento na Coruña
Na Coruña o seguimento da folga
déixase notar na administración pública, pois están pechados
todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María
Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se
sumaron ao paro. O impacto da folga tamén se está a notar nunha
zona comercial tan céntrica como a da Praza de Lugo, onde un piquete
informativo da CIG estivo repartindo volantinas explicando os motivos
da convocatoria e das mobilizacións convocadas nesta xornada.
As tendas de Oysho do centro comercial
Marineda City e Catro Camiños permanecen pechadas e tamén as de
Stradivarius de Marineda e Praza de Lugo, e aínda que desigual,
tamén hai seguimento no resto das tendas do Grupo Inditex. Destacar
que o comedor de Zara Loxística non pode prestar servizo porque a
maioría das traballadoras están en folga.
No sector industrial, as traballadoras
de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e o 50% da
traballadoras de Ferroatlántica de Cee. Na conserveira Calvo de
Carballo a práctica totalidade das mulleres parou e en Extel e
Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica
da Coruña, o seguimento supera o 80%.
Seguimento en Compostela
Na comarca de Compostela, a folga
déixase sentir a esta hora no sector servizos, onde máis do 60% das
traballadoras das tendas Inditex (Zara, Bershka, Stradivarius, Oysho,
Lefties, Zara Home…) do centro comercial As Cancelas están
secundando a folga. De igual xeito as compañeiras das tendas Oysho e
Stradivariuss do centro da cidade están en folga.
No hospital Clínico, alén do
seguimento entre o persoal sanitario, o 100% das traballadoras da
cafetería non acudiron aos seus postos. E pararon tamén compañeiras
do concesionario de Toyota, de Intelsis e de Senande. Ademais en
empresas como Indra, o seguimento foi do 50%; en Feafes do 75% e en
Dinahosting do 60%.
Na Administración local, arredor do
90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis do
50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames.
Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller
que hai neste servizo, que tamén está facendo folga.
En Padrón, o 100% das traballadoras de
Cortizo secundan a folga e na zona do Barbanza o paro ten especial
relevancia nas conserveiras Frinsa e Escurís e na empresa de
conxelados López Soto (no Barbanza), nas que meirande parte das
traballadoras están en folga.
Seguimento en Ferrol
En Ferrol a esta hora o paro séntese
entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde
houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica
de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase
paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas
oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é
do 100%.
Censurábel o comportamento do Concello
de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos
mínimos no últimos momento e a través dunha mensaxe de texto, sen
respectar o acordo alcanzado coa representación social sobre os
mínimos, no que non se facía referencia a estas dúas empregadas.
En reposta a esta actuación, esta mañá un piquete informativo
acudiu ás portas do concello "para demostrar que as
traballadoras non imos consentir este boicot".
Seguimento en Pontevedra e Ourense
No caso de Pontevedra, a folga déixase
notar en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín
como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o
seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria
da limpeza viaria sitúase en torno ao 80%. Esta mesma porcentaxe
rexístrase na limpeza dos colexios públicos, mentres que no caso de
Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e
Montecelo baixa ao 40%.
Na comarca do Salnés o paro ten
impacto nas conserveiras Thenaisie Provote (O Grove) e Perez La
Fuente (Vilanova de Arousa), cun 100% de seguimento. Noutras
empresas como Serpeixe, Roma, Friscos, Cefrico, Atunlo e Isabel a
incidencia está a ser tamén bastante importante. En Pull&Bear o
paro de mulleres é total, mentres que en Bershka ten un seguimento
moi elevado.
En Ourense, a folga a está a ter
especial repercusión nas tendas do grupo Inditex e en Desigual, en
empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova
ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa.
Seguimento en Lugo
En Lugo a folga estase facendo notar
con especial incidencia no Centro Comercial das Termas, onde se
rexistra un elevado seguimento da folga entre as traballadoras do
Eroski non cooperativistas -de feito a sección de frescos non puido
abrir por non haber quen a atendera-. E está pechada a tenda de
Lefties. No caso do Carrefour, o 40% das traballadoras non entrou
traballar.
Así mesmo, nas residencias de maiores
de Outeiro de Rei, Castro Ribeiras de Lea e Abeiro Gold hai un alto
seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO,
empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da
cidade, onde parou o 70% das mulleres.
En Monforte a folga de mulleres estase
sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as
traballadoras do Concello.
As reivindicacións das mulleres non
foron atendidas
"Tras da histórica xornada do 8
de Marzo de 2018, as mulleres volvemos ás rúas porque transcorrido
un ano non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas,
nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que teñamos
vidas dignas", aseverou Corral. Mais ao contrario, estamos
asistindo a un rearme da dereita nas institucións nas que ostenta o
seu poder, cuestionando a lexislación para a igualdade, os nosos
dereitos reprodutivos, o dereito ás pensións públicas, o dereito á
conciliación, negando a fenda salarial ou a existencia da violencia
machista.
Dende a CIG insístese tamén en que é
preciso desmontar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a
problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal
como por parte do poder político e do sistema, "tanto polos
gobernos que aprobaron as reformas laborais e das pensións e non as
derrogaron, como pola dereita que continúa a atacar frontalmente os
nosos dereitos máis fundamentais”.
Por iso, aseverou a secretaria das
Mulleres da CIG "para nós hoxe é un día de denuncia, de
combate e de loita revolucionaria, non para que nos feliciten
nin nos agasallen con flores. O poder ten que tomar nota das nosas
reivindicacións, porque somos máis da metade desta sociedade e non
imos permitir ningún retroceso cando aínda nos quedan tantos
dereitos por conquistar".
Desigualdade e discriminacións no
mercado laboral
Margarida Corral puxo o acento nas
discriminacións que padecen as traballadoras no mercado laboral, con
especial atención no feito de que unha de catro mulleres en Galiza
vive por debaixo do limiar da pobreza. Mais tamén na persistencia
dunha fenda salarial do 21.5% con respecto aos homes, o que supón
que as traballadoras galegas ingresan ao ano como media 4431 euros
menos. Unha fenda que se agrava no caso das pensionistas, que acada o
36.6%; é dicir, as pensionistas galegas ingresan 5000€ menos ao
ano que os homes e moitas nin tan sequera teñen acceso a unha
pensión contributiva. Xunto a isto, subliñou que o 77.3% dos
traballos a xornada parcial son desempeñados por mulleres e que máis
do 94% dos novos contratos subscritos por mulleres foron de carácter
temporal.
A pesar das declaracións de boas
intencións, dos protocolos, da sinatura de plans de igualdade, ás
mulleres "impídesenos conciliar, vivindo con medo a ser
despedidas ou represaliadas cando nos convertemos en nais. Somos nós
as que coidamos e por tanto facemos uso dos dereitos de conciliación,
dereitos totalmente insuficientes que non ofrecen a posibilidade de
compaxinar traballo con coidado sen perda salarial, abocadas a
excedencias ou reducións de xornada", alerta Corral.
Mais tamén sufrimos de xeito
maioritario os efectos dos recortes no estado de benestar, os
coidados seguen fóra do centro das políticas e son asumidos de
xeito maioritario polas mulleres, que tamén son as que en maior
medida traballan na economía somerxida, nos traballos invisíbeis e
non remunerados. "Todas estas son razóns de abondo para saír
hoxe e todos os días do ano á rúa, para esixir medidas reais e
efectivas para rematar coas discriminacións, os acoso na rúa, na
casa, no lugar de traballo, as agresións, as violacións e que nos
asasinen polo mero feito de sermos mulleres".
Neste senso, criticou que ao poder "non
lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha
actitude combativa e de confronto aos poderes políticos e
económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por
sermos mulleres e nos oprime por ter conciencia de nación". Ao
contrario, advertiu, "ao sistema interésalle homoxeneizar o
discurso, banalizalo, pretenden ritualizar o 8 de marzo, chamándolle
Día da Muller, e que quede nunha data festiva, baleira de
discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado, e
desposuída da súa orixe obreira e revolucionaria".
Neste punto, Corral lembrou a figura de
Rosalía de Castro ("unha galega adiantada a súa época que deu
palabra a denuncias aínda hoxe plenamente vixentes") e
reivindicou as revoltas e mobilizacións de mulleres que hai máis de
cen anos percorrían o país de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e
Sobredo; dos motíns de subsistencia e os tumultos convocados o
século pasado na Galiza por mulleres contra a suba de prezos nos
alimentos e produtos básicos; das labregas enfrontadas aos caciques
e á garda civil, "neses mitins e manifestacións de mulleres
das clases populares do país, que percorreron as rúas galegas,
loitas tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben
ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos
dereitos, elas son as que comezaron a loita que agora seguimos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario