23/01/20

Prioridades do goberno municipal de María Barral: a promoción da Policía Local

Desde o acordo do goberno municipal e a CSIF no pasado ano para levar adiante unha Relación de Postos de Traballo que exclúe á práctica totalidade do persoal laboral e valora por riba dos demais postos os postos da Policía Local, con moitos parámetros inaplicables á totalidades do postos de traballo, tal e como sería unha RPT xusta e en igualdade de condicións para o persoal laboral, o goberno de María Barral, con moitos conflitos laborais e xuízos pendentes, segue tendo como prioridade o sector da Policía Local e deostando ao resto do persoal; e así o demostra unha vez máis aprobando as bases para a promoción a oficial na Policía Local da Oferta de emprego público do ano 2019 na Xunta de Goberno Local do pasado 9 de xaneiro, como podedes ver no documento de abaixo.

A importancia de que un policía promocione a oficial vai por diante de que esta praza está na Oferta de Emprego Público do ano 2019 e aínda non se desenvolveu a Oferta de emprego público do ano 2018, que tamén contempla unha promoción interna para os auxiliares do Concello, mais que obviamente non son tan importantes como a Policía Local para que, tan sequera, as Ofertas de Emprego Público se desenvolvan por orde cronolóxica, tal e como sería preceptivo. O feito que de que as outras dúas prazas de Policía da OEP do ano 2019 tampouco vaian en primeiro lugar cando incrementarían o persoal dun departamento que fai horas extras a esgalla polas que cobra unhas gratificacións que fixeron aumentar notablemente a partida destinada a ese concepto nos últimos anos, tampouco debe ser tan importante como que promocione alguén que xa está no corpo para o goberno local nin para o sindicato dos funcionarios.

O certo é que a lóxica non forma parte da rutina diaria da xestión do persoal no Concello de Betanzos, mais neste caso, desenvolver antes a Oferta de Emprego Público do ano 2019 que a do ano 2018, e xusto aprobar primeiro as bases dunha promoción que as de incorporación de novo persoal, dá moito que pensar e demostra cales son as prioridades do goberno municipal e da CSIF.



CCOO e CSIF aproban a Oferta de Emprego Público do ano 2019 co voto favorable á proposta do goberno municipal

Ningún comentario:

Publicar un comentario