A central reclama avanzar na
derrogación da reforma laboral e ofrecer garantías reais de emprego
e ingresos
CIG advirte que, a estas alturas
da evolución da crise sanitaria, convertida nunha contundente crise
social e económica, chegar a un novo acordo para a prórroga dos
ERTE nas características do que se acaba de asinar, supón afondar
no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos
traballadores e das traballadoras.
O secretario xeral da CIG, Paulo
Carril, denuncia que estamos ante un novo episodio do diálogo social
no que se vai consumando unha reedición dos Pactos das Moncloa "a
través dun pacto social que en cada ocasión que se manifesta con
acordos deste tipo, implica facer recaer na clase traballadora os
custes desta crise". "Igual que no acordo anterior,
critica Carril, este tamén ten as bendicións do PP e de Ciudadanos,
confirmando así que o roubo e saqueo á clase traballadora se
mantén".
Por iso, entende que resulta lamentábel
que UGT e CCOO contribúan a construír esta realidade nun momento
económico e social tan duro, no que as políticas neoliberais, a
obsesiva recentralización e o abuso patronal campa as súas anchas,
mentres a reforma laboral do PP segue vixente e sen perspectivas de
ser derrogada.
Un acordo que non contribúe a resolver
os problemas industriais e laborais de Galiza
Este prórroga, ademais, prodúcese nun
contexto no que en Galiza estamos a vivir de forma especialmente
intensa as consecuencias da crise social derivada da pandemia, "pero
metidos de cheo na crise industrial que xa viñamos arrastrando. Este
pacto social non resolve os problemas que padecemos, mais ben ao
contrario, dificulta unha saída xusta e galega".
Carril subliña que calquera medida
para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a
vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza
polo PP. "Nomeadamente, manter a reforma laboral na súa
integridade e non avanzar nestes acordos no seu desmantelamento
significa non resolver situacións como as que temos en Galiza coas
amezas ao emprego de Alcoa, os peches das térmicas ou o
desmantelamento acelerado do noso tecido produtivo", salienta.
Neste senso, denuncia que o acordo que
se vén de asinar amplíe a duración temporal do anterior, mantendo
aqueles aspectos máis negativos, ampliando as exoneracións ás
empresas e adoecendo de garantías de salvagarda do emprego. "É
dicir, afonda na desprotección e na falta de solución para todos os
traballadores temporais que foron despedidos dende o 14 de marzo".
Ausencia dunha política fiscal
progresiva
Xunto a isto, a CIG critica que nesta
situación extraordinaria se siga xerando un enorme gasto
público financiado a conta dos cartos das traballadoras e
traballadores, xa que se están a derivar para tal fin fondos da
Seguridade Social, do FOGASA e do SEPE; mais non se implementan
políticas fiscais progresivas nin se recorre á utilización doutras
partidas (como os gastos militares, ou os destinados á casa real).
Así mesmo, neste acordo evidénciase
un aspecto que dende a CIG viñamos denunciando e que segue sen ten
solución: a problemática tanto dos traballadores e traballadoras
que están actualmente no desemprego dentro dun ERTE, como aquelas
persoas traballadoras que foron despiadadamente despedidas, que non
son reincorporadas a traballar e que están consumindo as prestacións
por desemprego porque non lles aplica o "contador a cero".
Todas estas persoas vén reducidos
drasticamente os seus ingresos a partir do día 181 do cobro da
prestación, xa que pasan a percibir unicamente o 50% da súa base
reguladora. Este foi un recorte que impuxo o PP no ano 2012 e que a
día de hoxe segue vixente.
Obrigas de recuperación de emprego e
garantir os ingresos
A CIG defende que calquera negociación
sobre a aplicación dos ERTE debe facerse sobre a base de avanzar na
derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012, recuperando para a
súa validez o acordo coa representación sindical e o exercicio do
control e, no seu caso, a autorización previa pola Administración.
Para minimizar o impacto destas
regulacións debe prohibirse ás empresas poder decidir
unilateralmente sobre estas medidas, así como simultanear a
aplicación dun ERTE con outras medidas lesivas como un descolgue
salarial ou a inaplicación do convenio; garantir o cobro do 70% da
base reguladora durante todo o tempo que dure a regulación e que se
considere como tempo de paro non consumido.
Tamén obrigar as empresas para poder
acollerse ao ERTE que completen até o 100% dos salarios;
reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa
principal ou externas (ETTs , empresas multiservizos, etc.) que foi
despedido e, como data límite, facelo no último mes de vixencia do
ERTE.
Así mesmo, que todas estas coberturas
sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que
foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de
xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación por
desemprego.
En definitiva, con este acordo CCOO e
UGT debilitan o papel dos e das representantes sindicais nas
negociacións, non recuperan a autorización da autoridade laboral,
nin tampouco lle devolven á Inspección de Traballo a súa
competencia para emitir informe vinculante e afondan na actual fase
de unilateralismo empresarial. A clase traballadora está a sufrir un
reforzamento da reforma laboral por parte do Goberno do estado e do
sindicalismo español.

Ningún comentario:
Publicar un comentario