A Sección sindical da Confederación Intersindical Galega presentou alegacións á Relación de Postos de Traballo que o Concello de Betanzos aprobou inicialmente co apoio da CSIF.
O prazo de alegacións ampliouse e está a aberto ata o vindeiro 9 de xullo mais xa son moitos os traballadores e traballadores, tanto laborais como funcionarios que lle amosaron as súas discrepancias ao goberno municipal sobre o documento aprobado no pleno polo PSOE.
A CIG, tal e como veu indicando nos pasados meses e durante todo o proceso de negociación, centrou as súas alegacións nas discriminacións que recolle a RPT con respecto ao persoal laboral, principalmente pola súa exclusión, mais tamén pola non incorporación de sentenzas e a valoración discriminatoria dos postos que se traduce en que o goberno defende que por igual traballo distinto salario, menos retribucións para os laborais por facer o mesmo traballo para os funcionarios, dupla discriminación para os primeiros, xa non só salarial, senón pola temporalidade con que foron castigados durante décadas.
A maiores, a CIG tamén amosou a súa discrepancia coa rebaixa das condicións laborais con respecto ao Convenio colectivo e o incumprimento deste, así como a amortización das prazas de auxiliares administrativos para reconvertelos directamente en administrativos e que cobren unhas retribucións propias dunha categoría superior sen superar o correspondente proceso de promoción profesional. O mesmo caso que a amortización dunha praza de chófer-alguacil que desparace e se reconverte en administrativo e que na actualidade está ocupada en propiedade por un funcionario.
Finalmente, a inexistencia dunhas normas de xestión e da definición duns criterios claros para a asignación dos niveis, e consecuentemente dos puntos que determinan a retribución do complemento específico e os informes da Secretaría e a Intervención municipal que discrepan, ao igual que a CIG, e moitos traballadores, de diversas cuestións que se recollen neste documento, cuxas alegacións deberán ser informadas e levadas ao pleno para a súa aprobación ou rexeitamento polo órgano municipal.
Logo de finalizar o prazo de alegacións continuará o proceso de tramitación e seguirémosvos informando puntualmente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario