O
Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acepta a demanda da CIG e
anula a RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria
publicada o 17/07/2018, por vulneración do dereito á negociación
colectiva, vulneración do procedemento, ausencia de avaliación
orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos.
En xuño
do 2018 aprobouse en Comisión de Persoal unha
modificación da RPT da Consellería de Economía, Emprego e
Industria, conxuntamente cun “Plan de ordenación de recursos
humanos de las oficinas de empleo y centros integrados de formación
profesional“ e un “Acordo dobre condicións laborais do persoal
de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o
Emprego”. A Resolución foi publicada no DOG do 17/07/2018.
As
persoas que exercen a dirección política da Administración
Autonómica galega están acostumadas a facer o que lles peta, a
pasar por riba dos dereitos dos traballadores e traballadoras baixo a
escusa da potestade organizativa, sen repetar as súas obrigas de
sentarse a negociar.
A
RPT anulada destruía máis de 90 postos de traballo, creaba 70,
modificaba a forma de provisión e áreas funcionais de numerosos
postos, creaba diferenzas entre as Oficinas de Emprego que dividían
en tres clases con diferentes formas de provisión e remuneración.
Vamos, que facía importantes cambios na estrutura de postos de
traballo, e facíao despachando o asunto en poucos días convertendo
o deber de negociar en meros trámites formais. Finalmente a CIG
quedou en solitario rexeitando a modificación da RPT proposta (CCOO,
CSIF e UGT votaron a favor na Comisión de Persoal, e a CIG votou en
contra).
Unha
vez publicada en DOG, a CIG presentou un contencioso ante o TSXG,
por:
- Violación do dereito á negociación colectiva e información, en relación coa substitución do proceso de negociación do conxunto da RPT aprobada por un mero tráfime de consulta: a Administración consultou e resolveu as alegacións das centrais sindicais, máis eso non foi negociar a RPT.
- Vulneración do procedemento legalmente establecido para a negociación das modificacións de RPTs: a Administración non só non negociou senón que violou o procedemento legalmente establecido, ao incorporar ao proceso un Plano de Reordenación das Oficinas de Emprego e dos CIFP a última hora, polo que modificou a proposta de RPT inicialmente entregada ás centrais sindicais sen dar opción a negociar nada.
- Ausencia de avaliación e informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda: a Administración vulnerou o procedemento establecido polo artigo 16 da LEPG sobre o carácter previo á aprobación da RPT do informe da consellería competente en materia de orzamentos.
- Infracción do ordenamento xurídico por falta de motivación dos actos administrativos, como garantía fronte á arbitrariedade e á incongruencia, en relación coa adecuación dos postos de traballo dos directores/as dos Centros Integrados de Formación Profesional e a nova clasificación das Oficinas de Emprego e adecuación dos postos de traballo dos seus directores e directoras (complementos, e cobertura mediante libre designación).
O
17 de xuño de 2020, foi ditada sentenza polo Tribunal Superior de
Xustiza de Galiza que estima o recurso contencioso-administrativo
contra a referida RPT, que anula. A sentenza non é firme, pois cabe
recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
A
CIG dirixiu escrito ao DXFP solicitando unha reunión urxente para
coñecer cales son agora as pretensións da Administración para
solucionar os problemas xerados por eles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario