Desde hai 2 anos o Concello de Betanzos teima en pagar produtividades sen ter negociados os criterios de reparto, tal e como obriga a lexislación. Logo de pagar durante un ano unha importante cantidade a unha soa funcionaria, nos pasados meses botou man de novo desa partida sen deixar claros os criterios de reparto, toda vez que indicou que se repartiría entre o persoal que traballaba presencialmente ou teletraballaba durante o estado de alarma, mais na realidade non foi así porque hai persoal que traballou e teletraballou e non a cobrou.
A existencia duns criterios que obrigatoriamente deben ser negociados deixaría claros os motivos de pagamento destas retribucións complementarias e evitaría conflitos e discriminacións que o goberno perpetúa ao non aclarar os motivos polos que lla pagan a uns traballadores si e a outros non. Desde a CIG levamos 2 anos a voltas con este tema, desde que en decembro de 2018 se acordara presentar unha proposta para o reparto, mais está claro que nin ao goberno municipal, nin a CSIF nin a UGT lles interesa o máis mínimo que isto se regularice e se faga conforme á lei.
Hai uns meses puxemos unha denuncia na Inspección de Traballo polo incumprimento do Convenio colectivo que obriga á negociación dos criterios de produtividade e estamos á espera da resolución, mais independentemente disto consideramos que é un momento axeitado para negociar o reparto desta partida e que estas retribucións fiquen fixadas cuns criterios obxectivos de reparto, en igualdade de condicións e de coñecemento para todo o persoal.
Tamén entendemos que o goberno debería publicar nos taboleiros de información, a información relativa ao pagamento das produtividades por departamentos, servizos e áreas, o que para nada incumpriría ningún tipo de protección de datos e se podería facer ao abeiro da Lei de transparencia, mais xa se sabe, que a información é poder, e canto menos saiban os traballadores e traballadoras do que realmente pasa no Concello, menos se van queixar polas desigualdades e discriminacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario