Un mes e medio despois de acordar na Mesa Xeral de Negociación que se crearía unha Comisión de seguimento da aplicación das medidas incluídas no protocolo de reincoporación eun grupo para a implantación do teletraballo cos sindicatos que apoiasen o Protocolo de reincorporación, o goberno de María Barral non creou nin un nin outro organismo.
Canto á aplicación das medidas deben ser actualizadas inmediatamente, non só por todas as normas posteriores ao 20 de maio, senón porque ese documento, tal e como insistiu a CIG na Mesa Xeral de Negociación, está claramente incompleto xa que faltan moitos servizos que xa están abertos ou retomarán a actividade proximamente, polo que se fai urxente e necesario que se plasmen e acorden as medidas necesarias e non que se dean paus de cego, como se viñeron dando en moitos casos nos pasados meses onde foron os propios traballadores os que reclamaron, en moitos casos, as medidas necesarias para esta situación de crise sanitaria.
Por outro lado, o protocolo, proposto polo propio goberno, tamén incluía un grupo de traballo para a implantación do teletraballo que aínda non se constituíu, a pesar de que na actualidade o Concello implantou o teletraballo en determinados servizos e para determinados traballadores, sen a existencia duns criterios que se negociasen nin de coñecemento para todo o persoal. Isto agrávase se temos en conta que en ningún lugar está regulado o sistema de control do traballo das persoas que non asisten presencialmente, é dicir, na actualidade parece que o Concello só controla a asistencia ao traballo a quen non ten teletraballo, ou polo menos non informou do sistema de fichaxe ou control de quen teletraballa. Por outro lado, tamén parece que o teletraballo está dando lugar a certa flexibilidade horaria que ata o momento a lexislación só permite nos casos de conciliación e que o goberno tamén lle aplica só a quen teletraballa.
Desde a CIG consideramos moi urxente comezar a regular isto, xa que o Concello non agardou nin pola modificación do TREBEP nin pola do Estatuto dos Traballadores para a implantación do teletraballo no Concello de Betanzos logo da finalización do Estado de alarma, polo que urxe deixar claro o procedemento de solicitude de teletraballo, os criterios da resolución e difundilos entre todo o persoal no canto de ir remendando con decisións unilaterais que poden dar lugar a discriminacións entre os traballadores e traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario