Nos últimos meses o Concello, a pesar de ter a obriga de, cando menos informar ao Comité de Empresa dos procesos selectivos e as contratacións que teñen lugar no Concello, e a pesar tamén de que o Comité solicitou por rexistro en varias ocasións o Concello limitouse a dar a calada por resposta. A única información que o Concello lle achega á representación do Comité é unha copia dos contratos, mais en ningún caso información sobre o como o persoal foi seleccionado, ou cal é o seu sistema de retribucións, cando é obvio que estas en moitos casos non van segundo o Convenio, e un longo etcétera de incógnitas con respecto ás novas contratacións que motivan que a representación do Comité se vexa na obriga de amosar a súa disconformidade nos contratos por descoñecemento e falta de explicacións por parte do Concello das novas contratacións. Esta situación vense repetindo ao longo do último ano e medio e mesmo nalgún caso ten provocado situacións tensas entre a representación do Comité e algún funcionario.
Nos últimos días o Concello achegou os últimos contratos que se veñen de formalizar, e dende a CIG consideramos que esta situación se está a converter en gravísima, e por iso solicitaremos de novo información ao Concello sobre os últimos contratos realizados de persoal docente. Á vista dos datos dos que dispón o Comité e sempre cun Concello que se nega a informar sobre os procesos selectivos atopámonos diante de seis novos contratos por obra ou servizo con duración determinada e sen o proceso selectivo pertinente, cando este persoal non é fixo discontinuo, e amósase así que neste Concello hai un duplo raseiro dependendo dos traballadores de que esteamos a falar, porque que mentres que o persoal do GRUMIR, por exemplo, ou a praza de técnico/a de orientación laboral teñen o proceso selectivo pertinente cada ano porque un novo contrato na Administración pública exixe un novo proceso, este persoal, á vista de que na web non se publicou ningún proceso selectivo, foi contratado sen tal e descoñecemos en base a que criterios.
A maiores e xa que non dispomos de información haberá que preguntarlle ao Concello de onde sae o cálculo das retribucións dalgúns deses novos contratos posto que son moi superiores ás que lle corresponden ao resto do persoal laboral segundo o convenio e a RPT, é obvio que hai un sistema de retribucións distinto que o do resto do persoal porque non é posible senón semellante diferenza salarial que fai que no caso de que fose un contrato a tempo total as retribucións puidesen superar mesmo as dos funcionarios de máis alto nivel, e, que por tanto, máis cobran neste Concello. A isto hai que engadirlle un dato que nos preocupa máis á vista da información achegada e sobre o que tamén se solicitará información, e que é como se fai a aplicación do Decreto 20/2012 de supresión da paga extra, porque tendo en conta documentación de que dispón este Comité parece, ao coincidiren as retribucións coas de anos anteriores, que hai persoal deste Concello ao que non lle van quitar a paga extra cando veñen de afirmar nun pleno que legalmente non había xeito de a compensar. Aínda así esperamos que todo teña un explicación e o Concello sexa quen de ofrecela porque do contrario séguense a perpetuar os casos escandalosos de discriminación entre os laborais nesta Administración.
O caso é que o único que consegue o Concello con estas trapalladas e coa falta de información ao Comité de Empresa é dar que pensar cando os datos non coinciden e cando non responde afirmar que as sospeitas estaban no certo, que é coñecedor das situacións e non pretende arranxalas e, en todo caso, os traballadores é posible que en moitos casos nin sequera saiban nin teñen porqué saber que o Concello está a facer as cousas mal en materia de contratación e son un elo máis nunha cadea onde a única responsable é unha Administración local que ás veces dá a impresión que dá paus de cego porque non ten moi claro o que debe facer. Se non hai explicacións con respecto a este tema agardamos que o Concello non volva a mentir dicindo que quere comezar a amañar a situación do persoal laboral porque o certo é que cada vez parece que esta empeora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario