A Confederación
Intersindical Galega vén de pór en coñecemento da Inspección de
Traballo o caso dunha traballadora que hai meses ten un despacho na
Casa do Concello sen que o Comité de Empresa teña coñecemento da
existencia dun contrato. Antes de asistir á Inspección de Traballo
o propio Comité de Empresa preguntou no Departamento de Persoal polo
tema, onde informaron sobre a inexistencia dun contrato laboral por
parte do Concello coa propia traballadora. O tema foi tratado tamén
nas reunións do Comité de Empresa e solicitóuselle información ao
propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que indicou que en
Xunta de Goberno Local se aprobou a contratación dunha empresa coa
que tiña vinculación laboral a devandita traballadora.
Dende a CIG decidimos
asistir á Inspección de Traballo para que adopte as medidas
oportunas para aclarar a situación da traballadora por se puidese
existir algún tipo de cesión ilegal de traballadores, totalmente
prohibida segundo o Estatuto dos Traballadores. Ademais, queremos
denunciar publicamente o grao de privatización ao que se está
chegando no Concello de Betanzos, cando nas propias oficinas
municipais traballa persoal de empresas privadas, utilizando
instalacións e recursos públicos e recibindo ordes de persoal do
Concello.
A maiores, e a todo isto
se suma que o Concello non cubre as baixas de servizos básicos da
Escola Infantil Municipal ou limpeza ou négase a pagarlle as horas
extras a algúns traballadores, unido a un grande número de vacantes
por xubilacións en distintos departamentos que o goberno local se
nega sistematicamente a cubrir e que está a provocar sobrecarga de
traballo nalgúns sectores de persoal laboral. A CIG decidiuse a
denunciar porque considera vergoñento que non haxa cartos para o
emprego público e se meta a dedo nas oficinas municipais persoal de
empresas privadas, e entendeu que esta situación debía porse en
coñecemento da Inspección de Traballo provincial para que tomase
cartas no asunto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario