A
central sindical rexeita a valoración positiva presentada polo
goberno e reclama a súa derrogación
Fronte
ás afirmacións da Ministra de Emprego, Fátima Báñez, na rolda de
prensa posterior ao Consello de Ministros, de que a reforma laboral
conseguiu reducir o incremento do paro e de que se está a cumprir o
seu obxectivo inicial, a CIG denuncia que só serviu para precarizar
o mercado laboral e proporcionar man de obra barata á patronal. Após
ano e medio da súa entrada en vigor, a central sindical entende que
esta reforma non só non axudou á creación de emprego, senón que,
pola contra, provocou un aumento dos despedimentos por causas
obxectivas; facilitou que se cambiase o traballo fixo por temporal;
fixo diminuír os salarios; supuxo un ataque sen precedentes á
negociación colectiva e, polo tanto, mudou traballo con dereitos por
outro en precario.
A
CIG denuncia que pese a que o goberno enmarcou a reforma laboral
dentro dun conxunto de medidas postas en marcha como suposta reacción
á crise, o que supuxo foi un durísimo ataque ás condicións de
vida da clase traballadora, un escoramento do estado aos intereses do
capital, un ataque frontal ao traballo, e un recorte nos salarios das
traballadoras e dos traballadores.
Así,
tal e como amosan os datos da Enquisa Anual de Custe Laboral
publicada polo INE, o custo neto total por traballador/a baixou preto
dun 3,3% en Galiza (caendo até os 26.506,63€), mentres que no
conxunto do estado español caeu un 0,7€% (30.667,43€).
A
reforma laboral non só non puxo freo aos despedimentos, senón que
supuxo un aumento de máis do dobre dos ERES aprobados no ano 2011,
unha maior flexibilidade da regulación laboral, a favor da empresa,
ampliando o poder discrecional da patronal na xestión e os tempos de
traballo, ao tempo que debilitou a negociación colectiva.
Supuxo
sacrificar o dereito da conciliación da vida laboral coa familiar,
ao facilitar ao máximo a flexibilidade da xornada en interese da
empresa. Permitiu o recurso ás horas extraordinarias no tipo de
contrato a tempo parcial, dándolle carta branca ao empresariado para
que fixe e distribúa a xornada, dándolle prioridade a un tipo de
contrato precario como instrumento de creación de emprego (iso si de
baixo custe) en detrimento da visión deste contrato como unha
fórmula para facilitar a conciliación.
A
reforma laboral acometeu un ataque sen precedentes a un dereito que
até o de agora tiñan en exclusiva as traballadoras e os
traballadores, respecto da redución da xornada para atender ao
coidado das crianzas a cargo, á hora de poder adaptar o seu horario
de traballo ás súas circunstancias persoais e familiares.
Puxo
en risco o permiso de lactación, ao introducir a posibilidade de que
os convenios ou razóns produtivas ou organizativas limiten o dereito
a poder desfrutar do permiso de forma acumulada á baixa de
maternidade.
A
reforma supuxo a diminución do custe do despido procedente, e con
isto, que moitos traballadores e traballadoras foran botados á rúa,
logo de estar toda a vida traballando, cunha indemnización de tan só
20 días por ano traballado, o cal condicionará non só a
remuneración do seu despedimento, senón tamén a súa futura
xubilación, dado que moitos e moitas traballadoras de 50 anos, non
van poder acceder á xubilación contributiva, por non ter a idade
suficiente, e non van poder retornar ao mercado laboral, por razóns
de idade.
O
contrato de emprendedores/as laudeado polo goberno empregouse para
cambiar traballadores e traballadoras maiores por mozos e mozas, e a
indefinidos/as por temporais.
Para
a CIG todos estes datos amosan por si sos que a reforma laboral non
creou emprego, e xunto coa recesión económica, e os recortes en
servizos públicos postos en marcha polo goberno baixo a escusa da
austeridade, provocouse unha precarización sen precedentes das
condicións sociolaborais das galegas e dos galegos, mentres que as
rendas empresariais aumentaron de forma escandalosa até superar, por
vez primeira na historia, a masa de remuneración de asalariados e
asalariadas, o cal amosa o transvase de riqueza da clase traballadora
á empresarial.
A
CIG denuncia, unha vez máis, que este incremento das desigualdades
sociais e de concentración da riqueza en mans de oligarcas e
especuladores vén provocada polas políticas económicas dos
gobernos do PP no estado e na Xunta. Políticas como a reforma
laboral e a da negociación colectiva, adoptadas co pretexto de
superar a crise e crear emprego, pola contra, xeraron e están a
xerar unha fortísima destrución de emprego e unha escandalosa caída
dos salarios.
Ante
esta situación, a CIG exixe un cambio inmediato nas políticas
económica, fiscal e laboral, para que se favoreza realmente a
creación de emprego.
A
central sindical tampouco comparte a valoración que sobre os datos
do paro fixo Báñez e lembra o deterioro de todos os indicadores do
mercado laboral nu contexto socioeconómico que impide albiscar unha
pronta creación de emprego e a efectiva saída da crise.
Máis info en http://www.galizacig.com/avantar/
Ningún comentario:
Publicar un comentario