12/08/13

Os cambios introducidos na reforma laboral deterioran aínda máis os dereitos da clase traballadora

Múdanse aspectos referidos á negociación dos EREs ou cuestións relativas ao desemprego

O pasado venres, o Consello de Ministros presentaba, máis unha vez vía Real Decreto Lei, unha serie de “melloras técnicas” na reforma laboral que veñen deteriorar aínda máis as condicións laborais das traballadoras e traballadores. Así o explica Luís Burgos, do Gabinete Técnico da CIG, que vén de facer unha análise do seu contido e alcance.

Hai oito días que CCOO e UGT pactaron co Goberno do PP a translación normativa da Sentenza do Tribunal Constitucional ( STC 61/2013, de 14 de marzo) que declaraba nula e inconstitucional  a regra de cómputo dos períodos de carencia necesarios para acceder a unha pensión de xubilación aplicada ás persoas que traballan a tempo parcial. Esa regra declarada nula por atentar contra o dereito á igualdade e por discriminación indirecta por razón de sexo, en canto afecta fundamentalmente ás mulleres,´tamén fora pactada por CCOO e UGT no ano 1998.
Agora, por fin, cando xa non tiñan outra posibilidade, intentan establecer que as persoas a tempo parcial poidan acceder ás correspondentes prestacións económicas en igualdade de condicións coas persoas traballadoras a tempo completo. Era hora.
Pero o Consello de Ministros do día 2 de agosto aproba un Real Decreto-Lei  (RD-L 11/2013) que non só incorpora ese Acordo, senón que introduce unha serie de “melloras técnicas” na reforma laboral que veñen a ser unha nova volta de torca contra a clase traballadora.
En primeiro lugar, para negociar os EREs, as medidas de mobilidade xeográfica ou de modificacións substanciais, constituirase só unha mesa negociadora, aínda que afecte a varios centros de traballo. Así forzan unha negociación centralizada e centralista, facilitando a integración, en caso de acordo, dun centro de traballo rebelde, por exemplo, porque a CIG é maioritaria. Ademais, establécese un número máximo da Comisión Negociadora de 13, en representación do persoal. Se non se constitúe, o período de consultas non se paraliza e o tempo sigue contando. A Empresa comunica á representación sindical “de forma fehaciente” que vai realizar un ERE e desde entón dáse un prazo xeral de sete días para que se constitúa a Comisión Negociadora e a partir de aí empeza a contar o prazo do período de consultas.
En segundo lugar, cando se trate dun despedimento colectivo dunha empresa pertencente a un grupo, só terá que presentar as contas consolidadas cando a sociedade dominante ou principal teña o seu domicilio no Estado español, o que favorece ás multinacionais estranxeiras.
En terceiro lugar, como nalgúns casos os tribunais viñan declarando nulos os despedimentos porque a empresa negociaba de mala fe e mesmo ocultaba información relevante á representación sindical, agora limítanse as causas de nulidade. “Unicamente” poderán ser declarados nulos se non houbo período de consultas, non se entregou a documentación legalmente prevista ou vulneráronse dereitos fundamentais. As empresas saben agora que negociar de mala fe non pode ser sancionado polo xuíz coa nulidade e, ademais, que un despedimento colectivo que non cumpra as causas económicas, produtivas ou organizativas alegadas poderá ser declarado improcedente pero non nulo.
En cuarto lugar, limítase notablemente a posibilidade de reclamar individualmente contra os despedimentos colectivos. A norma precisa que terá efecto de causa xulgada tanto a sentenza como a conciliación e por iso as demandas individuais deben basearse en aquelas cuestións  de carácter individual que non fosen obxecto da demanda colectiva.
Neste Real Decreto-Lei  tamén se modifican cuestións relativas ao desemprego, de forma que se estás en paro e saes máis de 15 días ao estranxeiro, perdes a prestación. Porén, establécese como suposto de suspensión da prestación a estancia no estranxeiro ate un período de 90 días, ou ben o traslado de residencia ate 12 meses, para a busca de traballo, que ven sendo unha medida de fomento da emigración.
En definitiva, unha reforma da reforma, máis fonda do que a primeira vista parece, e que atenta aínda máis contra os dereitos dos traballadores e traballadoras.
Luís Burgos Díaz
Gabinete Técnico de CIG







Ningún comentario:

Publicar un comentario