07/08/13

Confírmase que a asistencia sanitaria xa non é nin gratuíta nin universal

CIG-Saúde denuncia a exclusión do sistema de inmigrantes ou maiores de 26 anos que non teñan cotizado e non figuren como beneficiarios dalgunha persoa asegurada

Colectivos como inmigrantes ou maiores de 26 anos que non teñan cotizado nunca e non figuren como beneficiarios/as dalgunha persoa asegurada, non sendo que as persoas nestas situacións paguen unha contraprestación económica no momento de acceder á asistencia quedan, na práctica, sen posibilidade de asistencia sanitaria. Así o denuncia CIG-Saúde que considera que, deste xeito, remátase co modelo sanitario público, gratuíto e universal.
O pasado sábado publicábase no BOE o Real Decreto RD 576/2013, que modifica o Real Decreto 1192/2012 (polo que se regula a condición de asegurado/a e de beneficiario/a a efectos de asistencia sanitaria) no que se estabelecen os requisitos básicos do convenio especial de prestación sanitaria a persoas que non posúan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do SNS, segundo as características que foron no seu día estipuladas.
A publicación deste novo Real Decreto ven confirmar a eliminación da característica de universalidade da asistencia sanitaria, e, de feito, establécese nel que as persoas que non posúan a condición de aseguradas ou beneficiarias, non disporán de cartón sanitario, como xa se recolle no propio preámbulo do Real Decreto publicado o sábado.

Poderán, segundo se regula nesta norma, acceder ás prestacións da carteira común básica regulada no RD-L 16/2012 mediante a sinatura dun convenio especial individual que esixe o cumprimento dunha serie de requisitos e que suporá o pago dunha cantidade mensual en función da idade: se a persoa suscritora tén menos de 65 anos a cota mensual será de 60 euros, se tén 65 o máis anos, entón deberá pagar 157 euros mensuais. “Aí está a gratuidade e a universalidade que propugna o PP para a Sanidade Pública”, denuncia a CIG-Saúde.

Implica tamén este Real Decreto, unha vez máis “a deixadez de funcións máis absoluta por parte de quen ostenta as competencias totais en Sanidade na Galiza. O goberno da Xunta, o señor Núñez Feijóo, a Conselleira de Sanidade... fan unha absoluto exercicio de desidia, repousando en mans do Ministerio competencias que son exclusivas da Galiza. Tamén isto dá conta de que, tal e como ven propugnando a CIG, precisamos da soberanía para exercermos os nosos dereitos”.

Ante isto, a CIG-Saúde exixe unha Sanidade pública, universal e gratuíta “sen discriminacións, sen contraprestacións, sen copagamentos e sen recortes para lucro e beneficio de empresas amigas”.

Máis info en http://www.cigadmon.org/


Ningún comentario:

Publicar un comentario