21/03/16

Resumo da reunión ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde do 10 de marzo de 2016

Na reunión do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar o pasado 10 de marzo de 2016 o Concello levou un só punto da orde do día para das conta do informe das baixas do persoal laboral e funcionario. Os delegados de prevención do Comité de Empresa presentaron, pola súa parte, ao inicio da reunión por escrito, os temas sobre os que querían falar que foron os seguintes:


Con respecto ao estado das avaliacións de riscos laborais a secretaria do Comité lembroulle ao presidente  que segundo se recolle na acta de constitución do Comité de Empresa, o Concello indicou que no primeiro trimestre de 2016 se realizarían as avaliacións pendentes e solicita información sobre o tema. Diego Fernández indicou que hai que contratar eses traballos coa mutua e que só quedan pendentes algúns centros. Non obstante, desde a CIG solicitamos a documentación de todas as avaliacións reavisadas porque temos serias dúbidas de que non sexan papel mollado e as deficiencias non fosen amañadas.

Polo que respecta ao estado da Oficina de Turismo, xusto nos días anteriores e posteriores á reunión do Comité de Seguridade e Saúde e á visista do inspector comezaron as obras de reforma. O concelleiro de Persoal indicou no Comité que moitas das adecuacións xa foran realizadas e botoulle a culpa ao retraso das empresas de subministros para alegar que non se solucionaran as deficiencias. Escusas, obviamente, baratas, se temos en conta que todo chegou para cando o inspector ía pasar pola oficina, logo de que o propio Concello lle solicitase á Inspección provincial unha prórroga para solucionar os problemas. A delegada de prevención do persoal laboral lembroulle que a día 10 de marzo seguían se se solucionar as deficiencias de cara a lle dar cumprimento ao requerimento da Inspección e lembroulle ao concelleiro de persoal que a instalación eléctrica non se modificara, non se sinalizaran os cadros eléctricos, non se elevara a caixa de conexións do punto de información, non hai plan de emerxencia e evacuación, non se melloraran as condicións de iluminación, non se eliminara o verdín das paredes e a traballadora non tiña información preventiva do seu posto de traballo. Nestes días puidemos comprobar como varias desas deficiencias foron solucionadas no minuto noventa e cando non había máis remedio, como vén sendo común neste Concello.

Os delegados de prevención do persoal laboral tamén lle trasladaron ao concelleiros as queixas dos compañeiros polas deficiencias nos botiquíns dos diferentes edificios e a necesidade de que a mutua realice o seu traballo e teña conta do material. É curioso ver como o goberno municipal defende continuamente a unha mutua que é obvio que está fallando, mais tamén hai que lembrar que todo o que se contrata custa cartos e é porsible, que a fin de contas, o único que pretende o Concello é aforrar os cartiños e en seguridade e saúde laboral do seu persoal. É máis, o propio concelleiro propuxo que fosen os delegados de prevención os que se ocupasen de revisar os botiquíns, cando ese non é para nada o seu traballo porque é unha obriga da empresa e da mutua que ten contratada, mais o que está claro é que aquí hai algo raro coa mutua do contrario o concello faríalle cumprir á mutua as cláusulas do contrato que supoñemos que haberá e se deixaría de tanta escusa barata e de mal pagador.

Outro tema que en varias ocasións teñen falado os delegados de prevención do persoal laboral é se o guindastre municipal está adaptado á normativa de seguridade laboral e se o Concello lle facilita aos traballadores o coñecemento sobre as medidas preventivas que deben levar a cabo cando fan uso del. Con respecto a este tema o conceleiro de Persoal indicou que o vehículo está ao tanto da ITV correspondente, ao igual que todos os vehículos municipais e que se pode consultar a documentación das certificacións no negociado de Bens do Concello, negociado polo que pasaremos nos próximos días os delegados de prevención para comprobar a documentación.

Finalmente, xa na reunión de constitución do Comité deramos conta de varios problemas estruturais da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente e desta volta volvimos preguntar polo Plan de Emerxencia que estaba pendente do simulacro e que como o propio concelleiro confirmara era imposible levar a cabo hai uns meses pola escasez de persoal, mais solicitámoslle ao Concello que se retome o tema agora que o cadro de persoal segue ao completo  e que é necesario ten previstas as situacións de emerxencia por se algún día desgrazamente ocorre algo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario