11/03/16

UN ANO DESPOIS... SEGUIMOS ÁS VOLTAS CO CONVENIO

Este mes cúmprense un ano de que o Comité de Empresa e o Concello de Betanzos asinasen un acordo para a publicación dun novo convenio colectivo. Moitas foron as voltas que o tema deu desde entón mais o que está claro a estas alturas é que o Concello leva xa moito tempo tentando frear a súa entrada en vigor e aforrar os cartos que lle suporían as novas retribucións comprometidas.

O problema inicial foi a parálise durante meses do convenio no Concello e sen enviar aos organismos correspondentes, se ben a día de hoxe temos constancia de que as conversas coa Xunta están tendo lugar, non é menos certo que estas xestións hai moitos meses que podían estar solucionadas e o convenio en vigor.

Tal e como vos comentabamos hai unhas semanas o texto está sendo informado pola Xunta e a falta dunhas pequenas adecuacións normativas, como o recoñecemento dos días por antigüidade, que é posterior, segundo informou onte o concelleiro, o convenio estará listo en breve para enviar a versión definitiva con todas as adecuacións indicadas polo organismo correspondente. Unha vez que a Xunta teña esa versión definitiva simplemente habería que convocar a Comisión Negociadora do Convenio, con posterioridade tería que ser aprobado polo Pleno e logo procederíase á súa publicación. Desde o mesmo en que estivese publicado estaría en vigor.

CAE A CLÁUSULA DA INDEFINICIÓN 

O cambio máis salientable é que, finalmente, e tal como nos temiamos, a claúsula da indefinición cae. Esta cláusula é a seguinte:

Terá a consideración de persoal laboral indefinido do Concello de Betanzos, coa entrada en vigor do presente convenio, todo o persoal laboral contratado polo concello con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2010, que preste servizos no momento de aprobación deste Convenio e/ou aquel outro persoal laboral que, nun período de 30 meses teñan sido contratados durante un prazo superior a 24 meses, con ou sen solución de continuidade, para o mesmo ou diferente posto de traballo, mediante dous o máis contratos temporais, dentro do concello de Betanzos ou os seus organismos autónomos.
Hai que lembrar que desde a CIG non vimos clara a declaración de indefinición sen pasar polo xulgado mais o certo, é que como reiteramos en varias ocasións, entendiamos que un proceso de negociación significar ceder por ambas partes e que o novo texto traería melloras que pagaban a pena. Chegado o momento que a Inspección puxo problemas con este texto reiteramos a nosa postura e se o Concello pretendía mantelo as consecuencias legais serían para el mais chegado este momento para o texto siga para adiante non pode levar esta cláusula segundo indican as instancias superiores.
O máis lamentable de toda esta historia é que a empresa Galivalia foi contratada por 21000 euros e tiña como proxecto estrela a indefinición do persoal por convenio, que finalmente é o que legalmente indica a Xunta que non se pode levar a cabo. Cartos tirados para unha consultora que non fixo máis que mediar entre un goberno que non quería escoitar ao persoal e os representantes sindicais. O traballo groso da negociación do convenio colectivo caeu no Comité de Empresa que viu como semana tras semana tiña que enviar correccións aos textos errados de Galivalia. Finalizado o contrato e sen posibilidades de incorporar a idea estrela coa que a empresa chegaba a Betanzos fica demostrado que non eran necesarios axentes externos na negociación se o Concello tivese amosado a súa vontade desde o primeiro momento.

Un ano despois seguimos igual, un ano despois o Concello segue discriminando ao persoal laboral coa precariedade salarial que tanto caracterizou a historia deste Concello, cos problemas coas horas extraordinarias, as discriminacións na asignación de complementos e serios problemas de organización de persoal derivados da mala xestión da area por parte do concelleiro, Diego Fernández e con resposabilidade directa do alcalde, Ramón García, que permite e ampara esta situación e ao que o tema do convenio tampouco parece importalle. As escusas da acumulación de traballo de determinados departamentos cansan e fartan a calquera porque cando as cousas queren que saian adiante así é, e cando as cousas se paralizan é porque o interese non é moito.

Desta volta agardamos que o Concello sexa áxil na resposta e quen de solucionar o tema do convenio canto antes porque un ano é demasiado, sabemos que o resultado electorais era o que o importaba había un ano mais aínda agardamos que o goberno demostre dunha vez que quere pór fin a situacións de discriminacións históricas non só entre o propio persoal laboral senón co funcionariado, sempre en superioridade retributiva con respecto á grande parte dos traballadores laborais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario