21/03/16

Mirar unha pantalla máis dunha hora provoca fatiga visual, fotofobia, pesadez ocular e dificultade de enfoque

Segundo expuxo un estudo realizado por expertos da Universidade Complutense de Madrid -UCM- sobre unha mostra de 26 persoas con idades comprendidas entre os 21 e os 50 anos, pasar máis dunha hora mirando unha pantalla provoca fatiga visual, fotofobia, pesadez ocular, dificultade de enfoque e borrosidade na visión de preto.

A investigación tivo como obxectivo coñecer os motivos polos que o ollo non reacciona á sobreexposición á luz das pantallas de dispositivos electrónicos, a pesar de que estes emiten ata cinco veces máis luz de alta enerxía que o resto de fontes luminosas.

Nilo García, un dos autores do traballo comentaba: "Comprobamos que as persoas non notamos a intensidade da luz das pantallas xa que non contamos cos sistemas naturais para defendernos da devandita luminosidade".

Segundo Celia Sánchez Ramos, autora do estudo e da UCM, ante un texto reflectido nunha pantalla, as persoas son conscientes das molestias visuais que padecen cando son preguntadas por elas e non de forma espontánea.

O 92 por cento asegura que sente algún síntoma de fatiga nos ollos de maneira frecuente ou constante, mentres que un 42 por cento manifestaba padecer dun a cinco síntomas, o 35 por cento de seis a dez síntomas e o 15 por cento máis de dez síntomas.

A fatiga visual aumenta en función do tempo de observación da pantalla, dado que, as molestias increméntanse ata catro veces máis dende o inicio ata o final da proba. Isto é especialmente acusado no caso das mulleres, xa que, e aínda que "non se coñecen as razóns", padecen o dobre de fatiga visual que os homes, do mesmo xeito que as persoas que levan lentes de contacto ou lentes.

Co obxectivo de evitar as molestias, os autores destacaron a importancia de ser consciente da saúde visual e de levar a cabo determinadas medidas preventivas como, por exemplo, descansar 20 segundos cada 20 minutos diante dunha pantalla ou poñer protectores co fin de diminuír o exceso de luz.

Sánchez-Ramos concluía “o seguinte paso vai ser analizar como afecta aos menores e aos maiores, aos que estamos seguros de que lles produce moitas máis molestias".


Ningún comentario:

Publicar un comentario