Alerta de que os tratados
de libre comercio que se están a negociar “son a ruína do pobo
galego”e chama a mobilizarse para paralos
A CIG convoca, para o
sábado 15 de outubro, concentracións na Coruña, Ferrol,
Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía e unha
manifestación unitaria en Vigo contra o TTIP. As mobilizacións en
Galiza coinciden cunha xornada internacional de rexeitamento a este e
outros tratados de libre comercio que se están a negociar, como o
CETA e o TISA, que a central sindical considera que terán graves
consecuencias para a nosa economía, para o emprego e para a propia
soberanía nacional.
A crise acelera a
concentración da riqueza en cada vez menos mans, supondo cada vez
maiores desigualdades entre clases e territorios. As maiores
beneficiadas son as grandes empresas multinacionais, que se expanden
de forma agresiva polo mundo coa colaboración dos gobernos ao seu
servizo.
Coa escusa de “eliminar
barreiras” para a circulación de capital e mercadorías, propoñen
fusionar áreas de mercado. As diferentes propostas prometen unha
saída á crise, pero en realidade supoñen unha maior regresión nos
dereitos e condicións de vida da clase traballadora. Ademais, tentan
conducir os pobos cara un futuro de confrontación militar global.
Cos tratados TISA (Acordo
en Comercio de Servizos, que afecta 23 países) e TTIP (Asociación
Transatlántica para o Comercio e o Investimento- USA/UE) aínda en
negociación, o desafío inmediato vén dado polo CETA (UE/Canadá),
considerado como un “cabalo de troia” do anterior pola alta
integración das economías estadounidense e canadiana. Este último,
xa aprobado pola Comisión Europea, podería entrar en vigor de xeito
provisorio antes da aprobación de cada un dos Estados este mesmo mes
de outubro.
Estas son as principais
ameazas:
- Eliminación de
“barreiras ao comercio”: implicará unificar á baixa a normativa
en materia laboral (salarios, negociación colectiva, liberdade
sindical, etc.) de calidade, medioambiental, fiscal e de
investimento.
- Poténcianse as
empresas “multiservizo”, que desregulamentan as relacións
laborais, desprotexendo e precarizando aínda máis a clase
traballadora. Ampliará a todos/as os/as traballadores/as a filosofía
da Directiva “Bolkestein” da UE, que permite aplicar as
condicións laborais máis regresivas .
- Limitan a
intervención pública na economía baixo o argumento da
“competencia desleal” co sector privado. Os estados fican aínda
máis diminuídos ao aspecto lexislativo, xudicial, represivo, etc.
Acoutan as cláusulas sociais dos pregos de contratación.
- Privatización de
calquera servizo público (con escasas excepcións) e
blindaxe das xa efectuadas. Substitúense os dereitos por
“privilexios” de quen poida pagar unha sanidade ou ensino de
calidade.
- Tribunais privados
de “protección aos investimentos” ao servizo das
multinacionais (ISDS) que suporán compensacións multimillonarias en
compensación a decisións dos gobernos que comporten “diminución
dos beneficios”.
As traballadoras/es
galegos/as xa comprobamos as consecuencias negativas dos anteriores
procesos de integración forzada que nos restan soberanía nacional e
popular, como foi o Mercado Común Europeo. Por todo isto, desde a
CIG chamamos a clase traballadora galega a combater estes acordos
lesivos, non só para os nosos intereses inmediatos, senón para
garantir unha convivencia pacífica e mutuamente beneficiosa para os
diversos pobos do mundo. Un futuro de paz e cooperación que en
última instancia pasa por virar costas ao capitalismo.
Concentracións
A Coruña: 12:00 h diante
da Subdelegación do Goberno.
Ferrol : 12:00 h
diante do Edificio da Xunta
Compostela : 13.00
h na Praza de Galiza.
Lugo: 12:00 h na
Praza Maior.
Ourense: 12:00 h
diante da Subdelegación do Goberno.
Pontevedra: 12:00 h na
Praza da Peregrina.
Vilagarcía : 12:00
h Praza de Galiza.
Vigo: 19:00 h.
Manifestación convocada pola plataforma "Non ao TTIP",
con saída desde a Vía Norte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario