31/01/17

A CIG achega unha proposta de regulamento de funcionamento para a Comisión Paritaria de Igualdade

Logo de que a CIG solicitase a constitución da Comisión paritaria de Igualdade e de que a concelleira de Igualdade comunicara que non habería problema en constituíla, a sección sindical da CIG vén de achegar por rexistro a pasada semana unha proposta de regulamento para a devandita Comisión. 

Desde a Sección sindical da CIG consideramos que é un momento interesante para constituír este organismo de cara a que a se inicie o proceso de elabopración dun Plan de Igualdade que poida servir de base para a eliminación das desigualdades salarias que existen con carácter xeral na actualidade entre homes e mulleres no Concello de Betanzos.

A exposición de motivos para esta solicitude argumentouse no seguinte:

PRIMEIRO: Que a lei orgánica 2/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes establece no artigo 45 a obriga das empresas de respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e de adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes, medidas que deberán negociar e se é o caso acordar, coa representación legal das e dos traballadores.

SEGUNDO: Que no artigo 76 do Convenio Colectivo do persoal do Concello de Betanzos en trámite, aparece recollido que “O Concello de Betanzos elaborará un Plan de Igualdade que será negociado co Comité de Empresa”. “Para a elaboración deste informe crearase unha Comisión Paritaria de Igualdade”.

TERCEIRO: Que a estes efectos, insta ao Concello a dar pleno cumprimento a isto, coa finalidade de facer efectivo o dereito de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, eliminando calquera tipo de obstáculo que impida dita finalidade.

Por tanto, ao abeiro disto, a CIG propuxo que se proceda á constitución da Comisión Paritaria de Igualdade co obxecto de poñer en marcha a negociación do Plan de Igualdade do Concello de Betanzos co Comité de Empresa e achegou unha proposta de regulamento de funcionamento na que figura tanto a composición da Comisión como os fins desta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario