Psicosocial
Os xefes/as ou responsables organizativos prepotentes, con pouca empatía ou déspotas son un importante e perigoso lastre para empresas e organizacións. Así é, normalmente cando un traballador/a decide irse e abandonar unha empresa ou organización, o que realmente está a facer é fuxir dun xefe/a ou responsable que resulta absolutamente tóxico para o seu traballo e para a súa propia vida. Cuestión esta que cobra máis importancia incluso se temos en conta que en moitos casos estes tipo de “xefes/as” escorrentan especialmente a aqueles traballadores/as talentosos, con capadidade e criterio propio.
Os xefes/as ou responsables organizativos prepotentes, con pouca empatía ou déspotas son un importante e perigoso lastre para empresas e organizacións. Así é, normalmente cando un traballador/a decide irse e abandonar unha empresa ou organización, o que realmente está a facer é fuxir dun xefe/a ou responsable que resulta absolutamente tóxico para o seu traballo e para a súa propia vida. Cuestión esta que cobra máis importancia incluso se temos en conta que en moitos casos estes tipo de “xefes/as” escorrentan especialmente a aqueles traballadores/as talentosos, con capadidade e criterio propio.
A consultora Otto Walter realizou en
2012 no estado español un estudo titulado “Os xefes tóxicos”,
no que preguntou a miles de empregados/as de todos os sectores e
categorías profesionais acerca de cales foran os comportamentos máis
irritantes que sufriran dos seus superiores/as.
Das conclusións deste estudo derívase
que o 49% dos enquisados/as denunciou as “faltas de respecto”
como a principal secuela procedente da actitude mantida polos seus
mandos. A “prepotencia”, foi escollida por un 37%, a
“incompetencia directiva” por un 29%, a “falla de apoio ao
equipo de traballo” por un 28% e a “ausencia de trato
humano” por un 25%, completando deste xeito o cadro dos horrores e
os erros imperdonables nas políticas de xestión do persoal.
Terroríficas e nefastas credenciais,
especialmente chamativas se se ten en conta que quen as acredita
suponse que están de xefes/as ou chegaron a esa posición de mando,
porque algún día foron quen de acreditar unha axeitada capacidade
de xestión ou cando menos destacaron como bos profesionais.
Luís Huete, profesor de IESE Business
School, vai aínda máis lonxe nas súas apreciacións ao afirmar que
cando menos o 5% dos xefes/as, mandos ou responsables organizativos
son, directamente, sociópatas. Xefes/as ou responsables
absolutamente tóxicos para os traballadores/as e as súas
organizacións, que fan un enorme dano non só ao talento e ao
compromiso co traballo, senón á calidade e o benestar humano dos
seus equipos. Afirma o profesor, que ao seu entender, unha persoa que
traballa nunha contorna laboral tóxica pode perder a resultas da
mesma ata 10 anos de vida.
Mais o manual do mal xefe/a inclúe
outros importantes e perxudiciais defectos, destacando entre eles a
“indefinición á hora de marcar obxectivos”, “non escoitar aos
demais”, “colgarse medallas”, “incumprir o prometido”, “non
recoñecer un bo traballo”, “cambiar moito de opinión” ou
“sobrecargar xornadas de traballo” coa maior das insensibilidades
polo benestar psicosocial dos traballadores/as.
Non hai nada máis decepcionante que un
xefe/a que non defende o seu equipo. A todo o seu equipo. Non saber
estar a altura das circunstancias nun momento delicado e traspasar
continuamente a fronteira do razoablemente esixible, remata por
establecer unha liña de non retorno sen volta atrás que produce que
os traballadores/as perdan o respecto por un xefe/a no que non
confían. Malas formas, despotismo, falta de ética, trato desigual
dos traballadores/as ou falta de coñecemento e liderado na toma de
decisións, rematan por minar extraordinariamente a calidade das
relacións humanas imprescindibles para traballar nun entorno
minimamente aceptable
Sen dúbida algunha estes anos de
extraordinaria penuria laboral están a provocar que moitos
traballadores/as aguanten carros e carretas, que agachen a cabeza
ante o pobre pero efectivo argumento de “se non che gusta, sabes
onde está a porta”. Son moitos os expertos que auguran que esta
situación non tardará en cambiar. Moitos traballadores/as están
hoxe onde están porque necesitan o traballo para subsistir, mais é
moi posible que cando mellore a situación marchen ou, o que é pior,
se queden na súa empresa ou organización “dando o xusto e
imprescindible”.
Ao noso entender son milleiros os
traballadores e traballadoras chamados a encabezar unha revolución
polo benestar laboral, fronte as tropelías de xefecillos/as
incompetentes de ordeo e mando, con poucas capacidades e
cualificación e aínda menos calidade humana. As novas xeracións
son cada vez máis esixentes e non teñen nin medo ao xefe/a nin
pelos na lingua. Esperemos que a cidadanía no seu conxunto e as
clases traballadoras en particular, antes que despois nos poñamos en
marcha para poñer coto e solucionar tanta ignominia e inxustiza
sociolaboral.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario