O
Consello Confederal acorda liñas de traballo e calendario de
mobilizacións para 2019
O
Consello Confederal da CIG analizou este luns a situación política
en Galiza e no Estado, debateu arredor da estratexia de traballo para
o vindeiro ano e fixou un calendario de mobilizacións para o 2019, a
comezar por unha manifestación nacional en defensa do sistema
público de pensións, que terá lugar o sábado 26 de xaneiro. Para
o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora convócase
folga xeral de mulleres de 24 horas e o 10 de Marzo, Día da Clase
Obreira Galega, mobilizacións comarcais.
O
secretario xeral da CIG, Paulo Carril, arrincou a xuntanza do máximo
órgano entre congresos trasladando a análise da situación política
e sindical feita tanto na Executiva como no Secretariado. Unha
análise a partir da que se reiterou a necesidade de manter, a través
das mobilizacións previstas, a demanda da recuperación dos
dereitos.
Contexto
político adverso
Carril
advertiu do contexto de incerteza política sobre a continuidade do
goberno español, condicionado polo debate en torno aos orzamentos do
Estado pactados con Podemos, e, ao tempo, do efecto propagandístico
dos anuncios que se van facendo ás pingas. Unha situación coa que
pretenden a desmobilización, o “desarme da loita social e da
loita obreira”, que “nós non podemos alimentar”. Por iso
chamou a “manter viva” esa mobilización en dous aspectos
fundamentais: na resposta á política xeral e na negociación
colectiva.
Tamén
para ilustrar o difícil contexto para unha forza sindical como a
CIG, que ten un posicionamento “na cuestión de clase e na cuestión
nacional nada favorábel” neste intre, Paulo Carril valorou
os resultados electorais en Andalucía, onde emerxe a ultradereita
alimentada polas propias posicións da esquerda española que, “coa
súa dialéctica vinculada coa unidade de España e a negación da
realidade plurinacional no Estado, xunto coa axenda timorata, ou
colaboradora coas políticas neoliberais, non se preocupa por
derrogar as políticas do capital creando o caldo de cultivo” para
iso, como está a ocorrer en toda Europa.
A
este respecto, máis unha vez lembrou a necesidade da inmediata
derrogación das reformas laborais polas súas graves consecuencias,
que se ven en casos como o de Alcoa que, como ten a CIG denunciado
desde que se anunciou o peche, “son as que impiden que o goberno
conte con mecanismos que antes si tiña para frear o ERE proposto
pola empresa” e que garanten porén, que sexa a empresa quen
decida.
No
relativo á política xeral, Carril sinalou que a CIG ten constatado
que nin o goberno español “ten intención de pór en marcha
cambios reais nas políticas”, “nin a Xunta de Galiza”, por
moito que agora faga “un papel de oposición” que Carril
cualificou de “aparencial” á vista dos indicadores de
desemprego, de emigración, de desmantelamento industrial, coa crise
demográfica e co propio avance da Lei de Fomento Empresarial.
O
secretario xeral chamou a seguir con atención os debates en dúas
cuestións que considerou centrais como o Pacto de Toledo, onde se
está tratando todo o relativo ao sistema público de pensións, e o
diálogo social, desde onde se pretende deseñar a “reforma
maquillaxe da reforma laboral”.
Sobre
esta cuestión advertiu de que todo o relativo á reforma estará
condicionado polo IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva, que
confirmou “a vontade inequívoca de CCOO e UGT de non apostar pola
mobilización” para botar abaixo as reformas laborais, senón a de
“ser cómplices dunha prolongación de todas esas reformas e de
todo o que ten que ver coa negociación colectiva”.
Por
iso insistiu en que o “noso modelo sindical ten que seguir a se
mobilizar neste contexto adverso”. Un modelo que molesta ao poder
até o punto de que, tal e como sinalou o secretario xeral, nin o
goberno español, nin a Xunta son quen de recoñecer “unha
realidade imparábel e incontestábel como é, precisamente, que
somos a primeira forza sindical, que incidimos na realidade das
cousas por abaixo, que somos un elemento fundamental na mobilización
social e que, cando menos, damos unha resposta política”.
Eleccións
sindicais e afiliación
Paulo
Carril insistiu tamén na importancia das eleccións sindicais. O
período concentrado terá lugar ao longo de 2019 e a CIG xógase aí
consolidar a súa posición como primeira forza que leva mantendo os
últimos 7 meses.
Ademais
reiterou a importancia de aproveitar este momento para chegar a máis
xente e incrementar a afiliación porque é o que garante ter máis
introdución nos centros de traballo e onde reside a forza da central
sindical.
Negociación
colectiva
Xunto
a isto incidiu na importancia da negociación colectiva na idea de
situala como eixo para “facer entendíbel que é desde a
mobilización como temos que sacar adiante unha modificación real e
positiva das nosas condicións de traballo”.
Informou
ademais de que se está acabando de preparar a plataforma
reivindicativa para o ano 2019, que sintetizou en dúas reclamacións
chave: a recuperación dos salarios –ligada a salario mínimo de
convenio, incrementos sobre o IPC real e cláusula de revisión
salarial- e o combate á precariedade e a pobreza laboral.
Mobilizacións
26
de xaneiro: Para esa data acordouse convocar unha manifestación
nacional, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá, na que
se implicará toda a central sindical. Para iso chamou a levar o
debate a todos os centros de traballo para que se entenda que “non
é un problema que se reduce a pensionistas, senón que atinxe a toda
a clase traballadora galega” porque do que se trata é de saír en
defensa do sistema público de pensións.
8 de Marzo: O Encontro Nacional de Mulleres da CIG, celebrado o
pasado 22 de novembro, acordou convocar unha folga de mulleres de 24
horas. Unha convocatoria na que se implica toda a central sindical
que comezou, desde xa a traballar cara esa convocatoria.
10 de Marzo: O Día da Clase Obreira a CIG convocará
mobilizacións en todas as comarcas coa táboa reivindicativa da
central sindical, vinculada á recuperación de dereitos.
ILP pola recuperación dos saltos hidráulicos: Nos vindeiros meses
recolleranse as sinaturas para levar a debate ao Parlamento de Galiza
está iniciativa lexislativa Popular sobre a necesidade de que estes
saltos volvan ser públicos para poder combater a pobreza enerxética
e rachar co oligopolio do sector enerxético.
Indulto de Carlos e Serafín: Durante este período a central
sindical reforzará a mobilización en demanda do indulto de Carlos e
Serafín pasando das mobilizacións de carácter local a darlle
transcendencia nacional.
Traballadores/as transfronteirizos/as: O traballo desenvolvido
arredor desta cuestión, que se traduciu nunha importante
mobilización en Ourense continuará tamén no decurso de 2019.
Formación 2019: Outro dos acordos foi desenvolver xornadas de
formación interna para mellorar a formación das delegadas e
delegados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario