11/12/18

Resumo do Comité de Seguridade e Saúde (10 de decembro de 2018)


Achegamos un pequeno resumo dalgúns dos temas máis relevantes do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar onte, 10 de decembro de 2018:

Informe das baixas laborais
O Concello achegaralles aos delegados de prevención os informes das baixas laborais tanto derivadas de accidentes laborais como de continxencias comúns. Así mesmo, os accidentes laborais que dean lugar a baixa ou non serán investigados e informados polo Servizo de Prevención Alleo a partir de agora, tal e como procede, para tomar as medidas que correspondan.

Avaliacións de riscos laborais dos centros de traballo.
O Servizo de Prevención Alleo achegou a avaliación de riscos laborais e a planificación da actividade preventiva do Centro de Formación Ocupacional, posto que era o centro de traballo máis complexo pola multiplicidade de espazos e traballos diferentes, así mesmo, lembrou que derivada da avaliación hai unha planificación e un prazo responsable para a súa execución, e canto ás máquinas insistiu en que hai varias sen marcado CE e que non están homologadas, por tanto, non se poden utilizar e habería que contratar unha OCA que emita un informe e lles dea un visto bo ás máquinas para que se poidan utilizar. Por outro lado, comprometeuse a que para a vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde estarán listas as avaliacións do resto dos centros de traballo.

A CIG solicitou que o Concello realice, así mesmo, as avaliacións de riscos psicosociais, unha vez que estean elaboradas estas pendentes.

Plans de emerxencia dos centros de traballo
Onte mesmo realizouse o primeiro simulacro de incencio do edificio Liceo e no Comité acordouse que o resto de plans de emerxencia dos centros de traballo estarán listos para a reunión do 12 de marzo de 2019.

Inclusión da revisión de próstata e xinecolóxicas nas revisións médicas
Acordouse a inclusión da revisión de próstata e xinecolóxica nas revisións médicas do ano 2019, tal e como vén recollido no Convenio colectivo e propuxo a CIG.

Protocolo contra o acoso laboral
A CIG fixo unha proposta de Protocolo contra o acoso laboral, para que poida ser aprobado na reunión do Comité de Seguridade e Saúde do vindeiro 12 de marzo. O prazo para que os membros do Comité fagan achegas está aberto ata o vindeiro 15 de xaneiro. A proposta da CIG vai na liña da xa presentada na Comisión Paritaria de Igualdade pola CIG no pasado mes de xullo, onde se aprobou o protocolo contra o acoso sexual, por razón de sexo, e identidade no Concello de Betanzos e que proximamente se repartirá entre os traballadores e traballadoras.


Ningún comentario:

Publicar un comentario