O Tribunal Supremo admitiu o recurso
presentado pola CIG-Administración.
O Concello de Ferrol terá que integrar
no seu cadro de persoas as traballadoras e traballadores procedentes
do extinto Instituto Municipal de Facenda (Imfacofe) e dos padroados
de Deporte e Música. Así o vén de fallar o Tribunal Supremo, que
admitiu o recurso de casación presentado pola CIG para esixir que se
respectara o acordo plenario de 2012, no que se acordou a supresión
destes organismos autónomos e a subrogación do seu persoal.
Dende a CIG-Administración de Ferrol
manifestan a satisfacción polo fallo do TS, que pon fin a 18 anos de
inseguridade laboral do persoal do Imfacofe e dos entes autónomos e
ademais, crea xurisprudencia nos casos de subrogación na
administración pública. Neste senso, destacan que a CIG foi en
solitario quen tivo que levar adiante esta batalla laboral e critican
a falta de firmeza do alcalde para defender a legalidade do acordo,
en referencia ao feito de que o recurso municipal non foi admitido á
tramite polo Tribunal Supremo.
A Federación de Administración
critica o pouco interese do Goberno municipal durante todo este tempo
para dotar de estabilidade os/as traballadores/as procedente destes
organismos, "permitindo un falso enfrontamento cando a propia
sentenza declara que os dereitos á carreira profesional non se ven
menoscabados pola subrogación dese persoal". A este respecto, a
CIG-Administración apunta que a incorporación deste persoal non
prexudica ao resto dos empregados e empregadas do Concello.
Acordo plenario de 2012
A orixe do conflito remóntase ao ano
2012, cando o Concello de Ferrol decidiu disolver o Imfacofe e os
padroados, no marco dos recortes que se estaban a aplicar nas
administracións públicas e nos dereitos do seu persoal. No mes de
decembro dese ano aprobouse no pleno municipal o proceso para a
integración dos servizos que viñan prestando estes entes e a
subrogación dos/as traballadores/as, que foi recorrido pola
Asociación Profesional de Persoal do Concello de Ferrol.
O xulgado do Contencioso-Administrativo
de Ferrol e o TSXG admitiron en parte o recurso, anulando a parte do
acordo referida á subrogación do persoal dos entes. O Concello (con
escaso interese, á vista de que non foi admitido) e a CIG
presentaron entón recurso de casación ante o Supremo, que vén de
dar a razón ao defendido pola central nacionalista e a recoñecer os
dereitos dos/as traballadores/as, tras anos de persecución e
inestabilidade laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario