As organizacións convocantes estudan
continuar coas mobilizacións durante o próximo mes.
A representación da CIG no Concello de
Lugo valorou de xeito moi positivo as cinco xornadas de folga
desenvolvidas para esixir a retirada da nova Relación de Postos de
Traballo e que se abra unha negociación coa participación de toda a
representación sindical. A central destaca o altísimo seguimento do
paro ao longo de toda esta semana que, malia os abusivos servizos
mínimos impostos, superou de longo as expectativas das organizacións
convocantes, o que demostra "o amplo rexeitamento que xera nos
traballadores e traballadoras do Concello esta RPT".
Á vista do éxito das cinco xornada de
folga, Fernando Fernández, voceiro da CIG no Concello de Lugo,
adiantou que as centrais convocantes (Ágora, AFI-USO e CIG) valoran
continuar coas mobilizacións á volta das festas do nadal. O masivo
seguimento do paro deixouse notar en todos os departamentos pero con
especial incidencia nas áreas de Economía, Actas, Cultura e
Asesoría Xurídica.
Neste senso, Fernández cualificou de
"sorprendente" e "frustrante" a postura mantida
polo Goberno municipal nestas últimas semanas "que nin sequera
se dignou a chamar ao comité de folga pata tentar abrir unha
negociación que puideran evitar a folga. A actitude ditatorial deste
Goberno resulta incríbel", sinalou.
Que se valore por igual a todo o
persoal
A respecto das declaracións da alcalde
sobre a necesidade de sacar adiante a RPT porque a policía local
"esta mal pagada", Fernández apunta que, efectivamente,
este colectivo ten uns salarios baixos con respecto a outros
concellos de Galiza, pero esta situación é extensiva ao conxunto
dos traballadores e traballadoras da administración lucense, "que
no aspecto retributivo estamos á cola das sete grandes cidades de
Galiza".
O que non di a Sra. Alcaldesa é que
despois desta RPT a policía local, igual que o colectivo de
bombeiros/as, que se ven sen querer arrastrados por esta valoración,
quedará como unha das policías locais mellor pagadas, cando non a
mellor, de Galiza, mentres que o resto do persoal seguiremos á
cola", asevera.
Neste senso, Fernández subliña que os
sindicatos que rexeitan esta RPT non se opoñen á valoración que se
fai dos postos de traballo da policía local, "nós o que
reclamamos é que esta mesma valoración se faga para o resto das
traballadoras e traballadores que conforman o cadro persoal deste
Concello, algo que polo demais xa se dicía no informe da Xefa de
Persoal".
Críticas á alcaldesa
O representante da CIG cualifica de
"impresentábel, inadmisíbel e discriminatorio" que dende
a Alcaldía "só se mire para un colectivo e se menosprece ao
resto do persoal municipal". A este respecto, preguntouse como
pensa motivar as traballadoras e traballadores para unha boa
realización do seu cometido, "cando hai compañeiros e
compañeiras que van ver baixar os seus ingresos", a causa da
desaparición do complemento de produtividade.
Así as cousas, as centrais sindicais
críticas coa RPT aseguraron que "con estas actuacións resulta
evidente que a alcaldesa queda incapacitada para xestionar este
Concello agora e no futuro" e estudan continuar coas
mobilizacións durante o vindeiro mes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario