04/12/18

Horas extraordinarias atrasadas

A representación do Comité de Empresa vén de solicitar a información das horas extraordinarias do persoal laboral correspondente aos meses de setembro, outubro e novembro.

Unha vez máis o Concello de Betanzos incumpre o deber de información mensual aos representantes dos traballadores. Hai que lembrar que nos últimos anos son innumerables as ocasións nas que o Comité de Empresa tivo que acudir á Inspección de Traballo por este tema e só despois dun requerimento do organismo provincial foi cando a Administración local lle entregou a información solicitada. Mesmo nalgún caso os representantes do persoal laboral tiveron que acudir á Inspección a unha reunión co representante do Concello e só foi alí, diante do inspector, cando o Concello entregou a documentación.

Ademais disto, o Concello de Betanzos, arrastra un problema gravísimo na xestión das horas extraordinarias que fan que os atrasos no pagamento destas sexan de moitos de meses. Este problema vén derivado dos continuos reparos que a Intervención municipal pon ao pagamento das horas extraordinarias, porque non se xustifica a imposibilidade de desfrutalas en tempo no canto de cobralas, así que como que non hai unha autorización previa dunha persoa responsable de cada unidade para realizalas, entre outros.

Este problema na tramitación que provoca atrasos no pagamento é un dos temas constantes nas reunións dos representantes  do persoal laboral co concelleiro Diego Fernández, porque a xustificación da imposibilidade do cambio de xornada en moitos servizos que están co persoal mínimo é un trámite doadamente xestionable, así como as autorizacións previas nos servizos que teñen coordinador/a, encargado/a etc. Non obstante, este é un deses problemas enquistados do Departamento de Persoal que a Concellería correspondente se nega a solucionar por non dar os pasos oportunos e cuxa pésima xestión repercute directamente nos servizos afectados pola falta de persoal e a negativa a contratar do Concello cuxo persoal se ve obrigado a ampliar xornadas continuamente para poder prestar o servizo en condicións adecuadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario