10/07/12

CIG-Administración oponse frontalmente a que se elimine a paga extra do persoal do sector público

Lembra que é un dereito de todas as traballadoras e traballadores e denuncia que se lles está facendo pagar a mala xestión de gobernos irresponsábeis

Ante as informacións nas que se especula coa posibilidade de que o goberno tamén está barallando a posibilidade de eliminar a paga extra dos empregados e empregadas do sector público, a secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña, manifesta a frontal oposición da federación a que, sequera se prantexe esta posibilidade que considera “inaceptábel” de todo punto de vista. Fronte a isto denuncia que se está intentando facer pagar ao persoal do sector público a nefasta xestión económica de gobernos irresponsábeis que favoreceron un modelo baseado na especulación e no enriquecemento duns poucos a custo da maioría da sociedade.



A secretaria nacional de CIG-Administración asegura que é un “insulto” a todas as traballadoras e traballadores das administracións públicas que se estea poñendo en cuestión un dereito, como o de cobrar pagas extra, que é común a toda a clase traballadora. “Custounos moitos anos conseguilo. O persoal das administracións públicas, até hai pouco non cobrabamos completas as nosas pagas extra. Foi unha loita de anos de negociación e de chegar a acordos nas mesas, porque só se nos abonaba soldo base e antigüidade”.
López Santamariña lembra que no ano 2010, cando se decretou o recorte salarial, as pagas extra das traballadoras e traballadores das administracións públicas xa sufriron un recorte dun 15%. “Neste intre xa non estamos cobrando as nosas pagas extra completas como lle correspondería a calquera traballador/a”.
Asegura que tocar de novo os salarios, xa mermados porque ao longo destes últimos anos xa se reduciron nun 23%, o que vai provocar é “un empobrecemento a pasos axigantados do persoal que neste momento traballa  nas administracións”. Xunto a iso, afirma que “se comezan a desaparecer postos de traballos das administracións e recortar salarios do persoal que queda, o noso futuro vai ser moi negro”. Neste sentido, considera que deste xeito o PP retrotraería ás empregadas e empregados do sector público ás condicións laborais e salariais que tiñan en tempos pasados nos que as condicións eran “tremendamente precarias”.
Responsabiliza da actual situación a gobernos irresponsábeis que fomentaron políticas que favoreceron un modelo de economía especulativa fronte á economía real. “Agora pretenden que paguemos a súa incompetencia as traballadoras e traballadores públicos cos nosos salarios ou cos nosos postos de traballo e iso non o podemos tolerar”.

Táboa cos recortes salarias dos últimos anos
Elaborada a partir de datos do INE e dos orzamentos xerais do Estado desde o ano 2002 até este.
ANO
IPC GALIZA
IPC ESTADO
SUBA SALARIAL
DIF GALIZA
DIF ESTADO
2002
3,8%
3,5%
2%
-1,8%
-1,5%
2003
3,1%
3,0%
2%
-1,1%
-1%
2004
3,0%
3,0%
2,7%
-0,3%
-0,3%
2005
3,4%
3,4%
2,6%
-0,8%
-0,8%
2006
3,5%
3,5%
2%
-1,5%
-1,5%
2007
5,3%
4,9%
2%
-3,3%
-2,9%
2008
2,1%
2,1%
2%
-0,1%
-0,1%
2009
2,6%
2,1%
2%
-0,6%
-0,1%
2010
4,5%
,0%
-5%
-9,5%
-9,0%
2011
3,6%
3,1%
0%
-3,6%
-3,1%
TOTAL
34,9%
32,6%
12,3%
-22,6%
-20,3%

Ningún comentario:

Publicar un comentario