30/07/12

O Concello segue adiante coas múltiples irregularidades da RPT


A convocatoria de Mesa Xeral de Negociación de hoxe foi un auténtico paripé, non existe negociación na Mesa en tanto os orzamentos están entregados ao resto de partidos políticos e, como o propio alcalde admitiu na reunión, non había posibilidade de modificación substancial, e pódese engadir, ningún tipo de modificación de ningún tipo. O Concello, pois, salta por riba dos órganos de negociación lexítimos dos traballadores e intenta enganalos cunha convocatoria con nula vontade de negociación.

Dende a CIG expresamos a nosa postura antes de comezar a convocatoria non estaba ben feita e, polo tanto, esa Mesa pódese dar por non convocada, a maiores era demostrable que non había posibilidade de negociación e a negociación debe ser efectiva; esta postura motivou a nosa abstención no primeiro punto da orde do día e o voto en contra da documentación relacionada co capítulo I do orzamento. Consideramos lamentable a actitude do Concello que en ningún momento nin sequera intentou xustificar os erros da convocatoria e da negociación e limitouse a asumir as culpas dun xeito pasivo, alentada polo apoio de CCOO nunha grande parte dos casos.

Nas consideracións xerais lembrámoslle ao Concello que na propia documentación que entrega indica que o Comité de Empresa debe emitir un informe con respecto ao Plan de Emprego e que que todas estas medidas han de ser tramitadas coa correspondente participacións dos representantes sindicais, e a través dos procedementos legalmente establecidos, correspondendo en cada caso a súa aprobación polo órgano competente. Nada disto aconteceu, posto que neste proceso non houbo participación da representación sindical. O propio concelleiro de persoal indica que este Plan de Emprego debe ter as correspondentes audiencias e achegas dos representantes sindicais, levarase ao pleno e tramitarase conxuntamente coa RPT. En ningún caso houbo audiencia nin posibilidade de achegas por parte dos representantes sindicais posto que a Mesa Xeral de Negociación é un día antes do Pleno e antes non tivemos coñecemento ningún. Tamén se recolle que o Concello  lles debe dar traslado previo aos traballadores e audiencia no expediente durante quince días, cousa que non aconteceu porque nin os representantes dos traballadores tivemos acceso a ese expediente ata tres días antes do pleno.

A pesar de pór en evidencia algúns dos múltiples erros da nova Relación de Postos de Traballo, dende a CIG deixámoslle claro que esta adoece de irregularidades e que as modificacións que o goberno local pretende introducir van moito máis aló das dun Plan de Emprego e que atinxen dende as categorías profesionais ata as retribucións e as funcións dos distintos postos de traballo e todo isto sen consultar cos representantes dos traballadores nin en moitos casos cos propios traballadores afectados a un día de intentar aprobar estas modificacións no pleno. Debido a isto e tendo en conta que hai indicios máis que suficientes de que a Mesa Xeral de Negociación non foi convocada con vontade real de negociación e que, a maiores, os documentos que o Concello presentan adoecen de irregularidades e discriminacións entre o persoal a CIG tomará as decisións pertinentes en función do que aconteza nos próximos días e seguirá os pasos necesarios para non permitir que o Concello teime en facer das súas unha vez máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario