Tal e como xa vos informamos, a Área Pública da CIG xunto con UGT, CCOO, CSIF, USO, CGT, SAE, CESM e STAG acordaron conxuntamente un calendario de mobilizacións contra as medidas de recorte que supoñen un durísimo ataque a todos/as os/as empregados/as públicos. Entre estas mobilizacións están convocados os xoves deste mes concentracións diante dos centros de traballo.
Dende a CIG do Concello de Betanzos, e ante a gravidade da situación, entendemos que é o momento de que os empregados/as públicos/as nos defendamos dos ataques do PP que pretenden acabar cos nosos dereitos, facernos culpables da crise e obrigarnos a pagarlle dos nosos petos aos bancos os cartos que roubaron. As medidas aprobadas polo Goberno de Rajoy son durísimas para toda a cidadanía mais cargan as tintas contra os empregados públicos nun ataque sen precedentes que precisa dunha contestación contundente. Debido a isto puxémonos en contacto con delegados sindicais de todos os sindicatos con representación no Concello e mesmo con empregados públicos doutros sectores que tamén traballan en Betanzos para convocar unha concentración este xoves na Praza do Campo ás 12:00 h.
Animamos a todos os traballadores públicos e á cidadanía a que se sume a esta concentración contra o saqueo do pobo porque temos que impedir que nos arruínen! Son moitos/as os/as traballadores/as afectados/as e é precisa unha resposta contundente por iso facemos un chamamento aos compañeiros e compañeiras que traballan no Concello, en Facenda, nos Xulgados, en Correos, no Centro de Saúde, nos Centros de Ensino... a que se acheguen para amosar o seu rexeitamento a este desmantelamento dos servizos públicos que está a executar o Partido Popular.
Ese mesmo día, pola tarde, terá lugar a manifestación que sae ás 20:00 h da Praza da Palloza baixo o lema "Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen"
Ningún comentario:
Publicar un comentario