Nun alarde ditatorial aos que tan acostumados nos ten o Concello de Betanzos decide convocar Mesa Xeral de Negociación e levar unha nova Relación de Postos de Traballo un día antes do pleno ordinario do mes de xullo onde seica pretende presentala para aprobación. A maiores e facendo uso dun sentido pervertido da democracia, que é polo que vemos o que rexe en materia de persoal o seu traballo, exclúe á CIG da convocatoria de Mesa Xeral de Negociación, pendente dende hai medio ano de se constituír de novo.
En múltiples ocasións, o concelleiro de Persoal comprometeuse ante a representación do Comité de Empresa a entregar esta documentación con tempo para a analizar e agora descubrimos que todas esas promesas non eran máis que unha máis das mentiras e trapalladas á que nos ten acostumados o PSOE de Betanzos. O goberno municipal é plenamente consciente de que unha Mesa Xeral de Negociación que discrimina na convocatoria ao sindicato con máis delegados neste Concello terá consecuencias unha vez que se tomen acordos que poderán ser invalidados, mais tal e como xa ten feito noutras ocasións logo encherase a boca a botarlle a culpa do seu traballo mal feito aos representantes do Persoal, cando, polo visto, estes non lle importan o máis mínimo para facer o que lles veña en gana.
Dende a CIG do Concello de Betanzos continuaremos co camiño iniciado, e tomaremos as decisións necesarias para non permitir que o Concello teime en ignorar aos representantes escollidos polo persoal, sendo conscientes de que é moi sintomático que xusto non convoque ao sindicato que o ten no xulgado por diversos xuízos e nun momento en que xa catro compañeiros do GRUMIR que demandaron ao Concello a través da CIG, gañaron os xuízos e o xulgado deulle a razón aos traballadores. Parece que este é o único camiño que entende este goberno, haberá, pois, que seguir con el e defender sempre os dereitos dos traballadores e a legalidade das accións en materia de Persoal desta Administración local, a pesar dos intento do PSOE de Betanzos de recorrer a vellos métodos para agochar as irregularidades no que ten a ver co persoal neste Concello... que outro motivo habería para excluír ao sindicato maioritario? Quen non ten nada que agochar non ten problema en negociar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario