30/06/14

A CIG defende o dereito das galegas e galegos a contar cun sistema financeiro de seu

Posición ante a privatización definitiva de novagalicia banco e a súa conversión en Abanca

A CIG rexeitou participar este xoves nunha festa presidida por Alberto Nuñez Feijoo, na que se celebrou a privatización definitiva das antigas Caixas de Aforros. Unha venda que se pecha cun burato no erario público de 10.000 millóns de euros. Fronte a isto, a CIG apostou, ao longo do proceso pola conversión da Entidade nunha Banca Pública e Galega, por iso considera que “ non tiñamos nada que celebrar”.

Fronte a un sistema baseado na cobiza individual, a CIG aposta polo ben común. É por iso que nunca celebramos a privatización de ningún ben ou servizo público, todo o contrario. Foi por iso que onte non asistimos á festa da privatización de novagalicia. Unha festa que nos constou ás galegas e galegos nada menos que 10.000 millóns de euros. A cidadanía galega seguirá pagando o rescate da Entidade, malia que xa non ser nosa porque, neste caso, tampouco admitiron a “dación en pago”.

Un proceso de privatización moi custoso para o erario público e que ademais foi improvisado e chapuceiro. A modo de exemplo despois de todo o escándalo das indemnizacións multimillonarias dos exdirectivos, no caso de que as devolvan (sexa polo xuízo na Audiencia Nacional, ou polo xuízo do social en Vigo) non repercutirán no erario público senón que rematarán nos petos dos novos propietarios.

Pero hoxe tamén é preciso voltar a vista atrás. Queremos lembrar que cando se iniciou o debate sobre o futuro das Caixas Galegas nós, que fóramos a única voz crítica contra da xestión (fronte a compracencia dos partidos e sindicatos do sistema que están enlamados na xestión dos Méndez e Gayosos), advertíamos de que detrás do debate sobre a fusión (que encubría tamén os desexos dos Directivos de seguir ao mando), agochábase a intención de privatizar as Entidades deixando a Galiza sen un instrumento financeiro e económico de seu.

Incluso o Estatuto de Autonomía de Galiza contempla o dereito de Galiza a contar con Entidades Financeiras de seu. Un dereito que con esta privatización nos nega o Partido Popular, que teima na recentralización do Estado e na negación dos nosos dereitos como pobo. O PP nega ao conxunto dos galegos e galegas o dereito a ter unha Entidade ao servizo do interese común. Un dereito que só lle recoñece a uns banqueiros venezolanos.

Pero até chegar aquí e desde a fusión, a Entidade tivo que ser rescatada en numerosas ocasións. Inxectáronse milleiros de millóns de recursos públicos, destruíuse o 50% do emprego, dilapidáronse millóns de euros expoliados á clientela con preferentes e subordinadas e vendeuse o patrimonio e participacións industriais das Caixas. Todo isto dun xeito opaco, sen control público e sen fiscalización por parte do lexislativo.

Desde unha óptica laboral, o proceso de reestruturación, que estivo sempre orientado cara a privatización impulsado tanto polo PSOE como polo PP,  coa complicidade de CCOO e UGT, tivo un durísimo custe laboral. Foron destruídos 5.000 postos de traballo, sen que a día de hoxe podamos dicir que finalizase a aplicación do ERE vixente.

Hoxe o persoal de ABANCA sabe que ten novas normas laborais que cumprir, que regulan aspectos tan dispares coma o “perfume persoal”, “os pins políticos ou deportivos que se poden levar”, ou as “normas mínimas de educación” (coma se os traballadores/as foran túzaros), pero continúan sen saber se continuarán os despedimentos do ERE en vigor, que Convenio se aplicará e si se modificaran as condicións laborais. A opacidade segue dominando a actuación da Entidade, agardamos que non sexa froito da ausencia dun plan laboral.

A CIG continúa defendendo o dereito dos galegos e galegas a contar cun sistema financeiro baixo control público guiado polo ben e o interese común e non pola cobiza persoal. É por iso que seguiremos pulando pola creación dunha Banca Pública Galega que xestione o aforro dos galegos e galegas aquí para xerar emprego e riqueza no pais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario