O Concello vén de contradicirse, máis unha vez, ao obrar en contra do que leva meses e mesmo anos predicando. Non é a primeira vez que este Concello di unha cousa e fai outra, non é a primeira vez que demostra que fala dos informes municipais cando lle convén; na práctica hai dúas opcións, ou estes informes tamén cambian ao antollo das peticións do goberno municipal, cousa que supoñemos que non pasa, ou ben sen cambiar os informes o goberno fai o que lle peta e só os utiliza de parapeto cando lle vén ben, do contrario non se explica que hai un mes o concelleiro de Persoal insistise na imposibilidade de contratación (mesmo nalgunha Mesa Xeral de Negociación onde debe constar en acta) de persoal para cubrir baixas polo que lle indicaban os informes do persoal técnico municipal, e un mes despois, sen cambio da lexislación de ningún tipo, contraten a dúas traballadoras temporais para o servizo de limpeza de edificios.
O goberno entregoulle á representación do Comité de Empresa copia de dous contratos por acumulación de tarefas para o servizo de limpeza de edificios demostrando que é posible contratar logo da aprobación do Decreto 20/2012. A situación, pois, de caos, que durante tempo se leva vivindo no servizo de limpeza de edificios foi directamente perpetuada no tempo polo goberno municipal ao seu antollo e coa única motivación de aforrar os cartos a base de explotar ao persoal, non hai outra explicación para que agora, a final de curso, contratasen a persoal que cubra o traballo das traballadoras de baixa do CEIP Francisco Vales Villamarín.
Dende a CIG valoramos moi positivamente este cambio de actitude do goberno municipal que nos dá a razón a meses de denuncias públicas pola situación deste servizo e ás nosas afirmacións de que se podía contratar e o Concello non o facía simplemente porque non lle daba a gana, cando a lexislación si que o permitía e o permite, e a probas son estes dous contratos que acaba de realizar. Igualmente, e tendo en conta que dende a Administración pública se pode contratar, tal e como puxo de manifesto o Concello, baixo o concepto de acumulación de tarefas, lamentamos, que para determinados postos de traballo que é obvio que non lle convén que saian a concurso público e calquera cidadán poida participar, boten man de empresas que xestionan a contratación de determinadas persoas que parece que interesan ano tras ano, do contrario non contratarían todos os anos ás mesmas persoas e habería unha oferta de traballo temporal accesible a toda a cidadanía. Demostra isto que contratan cando e como queren e baixo a fórmula que mellor lles vén, non importa o máis mínimo que os compañeiros de servizos non teñan persoal e anden a correr dun lado para outro seguido, que hoxe mesmo haxa un único traballador en obras para todo ou que o estado de limpeza de rúas non sexa o adecuado pola negativa a cubrir os postos vacantes na limpeza viaria, iso non importa, en Betanzos o que importa son as festas.
Novas relacionadas
Ningún comentario:
Publicar un comentario