Finalmente, mañá 20 de xuño está convocada a Comisión Negociadora do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos ás 11:30 h na Sala de Xuntas baixo a seguinte orde do día:
Estudo e ratificación de convenio colectivo do persoal laboral ao servizo do Concello de Betanzos logo da adaptación do mesmo á normativa vixente.
Igualmente, ás 12:00 h está convocada a Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios no mesmo lugar coa seguinte orde do día:
Estudo e ratificación do acordo regulador do persoal funcionario ao servizo do Concello de Betanzos logo da adaptación do mesmo á normativa vixente.
Con respecto ao convenio do persoal laboral o Comité de Empresa solicitou por rexistro nos pasados días todos os informes, tanto do Concello coma doutros organismos,
relativos ao expediente de tramitación do novo convenio colectivo
para o persoal laboral do Concello de Betanzos de cara a poder
cotexar a motivación das modificacións realizadas no texto pendente
de se aprobar de xeito definitivo nos vindeiros días na Comisión
Negociadora do Convenio Colectivo. Esta petición fíxose de cara a poder cotexar que todas as modificacións realizadas se corresponden efectivamente coas propostas de adaptación á normativa vixente, polas que se preguntará na propia Comisión. Igualmente, o Comité solicitará a máxima axilidade para levar o documento ao pleno e posteriormente continuar coa tramitación sen que aconteza o sucedido en 2015 e que provocou unha grande paralización do proceso.
Dentro deste proceso, informaremos aos partidos da oposición da decisión final tomada e solicitaremos o apoio ao texto no pleno, unha vez que sexa aprobado na Comisión. Este mesmo martes, logo de solicitalo o propio partido, a sección sindical da CIG ten prevista unha reunión con Betanzos Novo na que se tratará este tema.
Polo que atinxe ao acordo de funcionarios, logo de revisalo, efectivamente é diferente do texto final de laborais, non obstante, entendemos que son os sindicatos con representación en funcionarios os que deben asinalo no caso de estaren de acordo, e a CIG non asinará, como xa non o fixo hai máis dun ano, o acordo para o persoal funcionario. A nosa postura continúa a ser que son os representantes do persoal funcionario os que deben decidir en función do que os traballadores e traballadoras decidiron en asemblea e defender os intereses do colectivo de funcionarios, aínda que tamén é verdade que este novo acordo non terá a mesma repercusión na súa situación laboral que no caso do convenio de laborais, e que no caso do funcionariado unha nova Relación de Postos de Traballo si que podería supor unha oportunidade para igualar certas condicións laborais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario