28/06/16

O Comité de Empresa solicitou o apoio ao convenio a todos os partidos da oposición

O pasado 21 de xuño o Comité de Empresa, tal e como acordou na reunión do mes anterior, remitiulle un escrito a todos os partidos da oposición con representación no Pleno de cara a solicitarlle o apoio ao texto do convenio colectivo do persoal laboral que previsiblemente se someterá a aprobación plenaria no próximo mes de xullo. Ademais, púxose a disposición por se querían solventar calquera cuestión do proceso ou do texto e achegoulles unha copia do documento aprobado. O texto enviado foi o seguinte:

Boa tarde,

Quero informarvos de que onte mesmo, 20 de xuño, tivo lugar a Comisión Negociadora do convenio colectivo, na que procedimos a ratificar o texto do novo convenio, logo da adaptación á normativa vixente proposta pola Xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Este texto que levamos anos negociando co goberno municipal (foi denunciado a finais de 2011) supón unha equiparación de dereitos do persoal laboral e funcionario, para alén dunha equiparación retributiva entre o propio persoal laboral e que entendemos que trae consigo o primeiro paso cara a unha equiparación tamén salarial co funcionariado, é froito dun intenso traballo de negociación por parte do Comité de Empresa e de cesións por ambas as partes, Comité de Empresa e goberno municipal, como en calquera proceso de negociación. Neste proceso quedaron no camiño propostas dos representantes dos traballadores mais entendemos que o texto final si que supón, en termos cuantitativos e cualitiativos, un pequeno avance e abre o camiño que deberemos continuar nos vindeiros anos ata conseguir a equiparación efectiva e real coas condicións laborais do funcionariado. 

Por todo o indicado, e tendo en conta que o texto debe ser aprobado polo Pleno da corporación, logo de ser aprobado pola Comisión Negociadora, poñémonos en contacto co Partido Popular / Betanzos Novo / Bloque Nacionalista Galego / Compromiso por Galicia de cara a solicitar o voso apoio ao texto cando sexa sometido á consideración plenaria (previsiblemente no pleno de xullo). Igualmente, enviámosvos no documento anexo o texto aprobado onte na Comisión Negociadora e que será levado ao Pleno, de cara a que poidades estudalo, de o considerardes necesario, con máis demora. Tamén nos queremos poñer á vosa disposición para solventar calquera dúbida ou cuestión relacionada co tema, para aclararvos o que consideredes necesario, ben por este medio, por teléfono ou mesmo acordando unha reunión se o estimades.

Agradecemos por anticipado a vosa atención e seguimos en contacto para calquera cuestión relativa ao persoal que consideredes necesaria.

Un saúdo cordial

Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa

Betanzos, 21 de xuño de 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario