02/06/16

O Comité de Empresa acorda acudir á Inspección de Traballo logo de que o Concello leve máis de seis meses negándolle a documentación das horas extraordinarias do persoal laboral

Desde o pasado mes de outubro de 2015 o Concello de Betanzos non lle entrega a documentación das horas extraordinarias do persoal laboral ao Comité de Empresa. Logo de múltiples solicitudes e de telo falado en varias ocasións co concelleiro de Persoal, Diego Fernández, que insiste en que non hai problema mais segue sen entregar a documentar, o Comité de Empresa decidiu por unanimidade na súa reunión do martes acudir á Inspección de Traballo para denunciar a situación e achegarlle todas as solicitudes sen resposta, así como o documento entregado polo Concello que transcribe un informe do asesor xurídico da propia Administración local onde indica que esta documentación se lle debe achegar de xeito mensual aos representantes dos traballadores.

Certamente resulta lamentable que o goberno municipal nin lle faga caso aos informes que emite o seu propio persoal e ignore de tal xeito aos representantes dos traballadores. Na reunión mantida a semana pasada co concelleiro de Persoal a presidenta indicoulle que a intención non é levar fóra do Concello estes temas mais de non lle entregar a documentación habería que tomar decisións, tal e como se fixo na pasado reunión do Comité de Empresa.

Nos vindeiros días recompilaremos toda a documentación relativa a esta cuestión para acudir á Inspección para que o Concello nos entregue a documentación que a lexislación indica que lle ten que facilitar aos representantes dos traballadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario